O Tribunal Constitucional levanta a suspensión da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia

Venres 01 de Agosto de 2014

O Tribunal Constitucional levanta a suspensión da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia

Admite as alegacións do Goberno galego, que defendeu que a norma está articulada desde as competencias autonómicas e con pleno respecto á normativa estatal, á que complementa

Deste xeito Galicia poderá continuar co desenvolvemento dunha lei que facilita o instrumento legal para superar as deficiencias históricas que ten a Comunidade en materia de telecomunicacións e poder cumprir os obxectivos fixados polo Estado e a Unión Europea no eido da Sociedade da Información
Entre outras medidas, a Lei establece a inclusión de canalizacións de telecomunicacións nas obras públicas autonómicas ou a previsión de fixar como obrigatoria a incorporación de infraestruturas de Fogar Dixital en vivendas de nova construción
Desde 2010 o Goberno galego vén realizando un importante esforzo no despregamento de redes de telecomunicación que se traduce a día de hoxe nun 97% de galegos con cobertura de Internet e 1,4 millón de persoas con acceso a redes de 100Mbp

O Tribunal Constitucional acordou levantar a suspensión da Lei de impulso das infraestruturas de telecomunicacións, tras o recurso de inconstitucionalidade contra determinados artigos desta norma presentado o pasado mes de marzo pola Administración Xeral do Estado. O Tribunal adoptou esta resolución, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, tras admitir as alegacións presentadas polo Goberno galego, nas que manifestaba o absoluto convencemento da necesidade e oportunidade desta lei para a Comunidade así como da súa constitucionalidade.

O executivo autonómico indicaba que a norma facilita, desde as competencias autonómicas e con pleno respecto á normativa estatal, o instrumento legal para superar as deficiencias históricas que ten Galicia en materia de telecomunicacións, impulsando o seu despregamento dunha forma ordenada, eficiente e respectuosa co medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural.

A decisión adoptada polo Tribunal Constitucional permitirá continuar co desenvolvemento da Lei que establece medidas en ámbitos nos que Galicia ten competencias plenas como na ordenación do territorio, no urbanismo, o medio ambiente e a vivenda, o que lle permite fixar normativa sobre os usos do chan, a ordenación das infraestruturas de telecomunicacións ou regular o réxime de construción e utilización das vivendas.

Baseándose nestas competencias, e respectando as competencias estatais en telecomunicacións, a normativa autonómica axudará a conseguir os obxectivos fixados polo Estado e a Unión Europea no eido da sociedade da información.

Unha lei que evita duplicidades e facilita os despregamentos
Con esta lei, obrigarase á inclusión das infraestruturas de telecomunicacións nos planeamentos urbanísticos, convertendo os servizos de telecomunicacións nun servizo máis para todos os galegos, ao igual que o son a auga ou a luz.

Asegurará que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital, e que todo edificio público que se proxecte contará coas infraestruturas necesarias para garantir o aproveitamento das TIC para a prestación de servizos públicos.

Obrigará a que todas as novas estradas e vías de alta capacidade autonómicas incorporen as canalizacións precisas para instalar redes de telecomunicacións, evitando o gasto que suporía a implantación una vez rematada a obra e que se usarán para interconectar Galicia a redes de moi alta capacidade, favorecendo así á vertebración territorial.

Así mesmo, evitarase que se dupliquen esforzos e investimentos nas administracións públicas e conseguiremos unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados. Por iso a lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos.

Ademais, na lei enmárcanse outras medidas chave: como o fomentar o uso compartido de infraestruturas por parte dos operadores para favorecer un despregamento ordenador destes e reducir o investimento necesario.

Obrigará tamén a que a Rede Dixital de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual cun aforro de 37 millóns de euros en dez anos.

Máis de 237 millóns de euros en infraestruturas de telecomunicacións
Dende 2009 o actual Goberno galego marcou un punto de inflexión na xestión da política tecnolóxica elaborando unha estratexia común para Galicia, a Axenda dixital de Galicia 2014.gal.

Unha das medidas chave para pode desenvolver esta estratexia é conseguir una Galicia totalmente conectada, na que cidadáns e empresas teñan acceso aos servizos dixitais, independentemente do lugar no que vivan.

E estamos a conseguilo grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia que, con un investimento público privado de 237 millóns de euros desde 2010, xa posibilitou que máis do 97% dos galegos teñan acceso á rede, fonte ao 71,8% en 2009.

Ademais grazas ao Plan Banda Larga, máis de 1 millón de galegos teñen xa acceso a redes con NGA con velocidades de 100Mbps. Somos das primeiras rexións de Europa que impulsaron o despregamento destas redes de nova xeración, cumprindo as directrices da Axenda Dixital Europea.