O tecido empresarial galego incrementa o investimento en ciberseguridade en máis dun 30 % nun ano

Luns 23 de Xuño de 2025

O tecido empresarial galego incrementa o investimento en ciberseguridade en máis dun 30 % nun ano

Pemes e micropemes destinaron en 2023 máis de 150 millóns de euros a protexerse fronte á ciberdelincuencia, 36 millóns de euros máis que o ano anterior
Preto dun 20 % das pemes e grandes empresas rexistraron algún incidente de seguridade en 2024
O uso de tecnoloxías como a IA ou o Cloud Computing por parte das empresas galegas de dez ou máis empregados sitúase por riba da media estatal
Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis empregados conta con especialistas tecnolóxicos, case 5 puntos máis que a media estatal

O tecido empresarial galego investiu en 2023 máis de 150 millóns de euros en ciberseguridade, o que supón un incremento de máis dun 30 % respecto á cifra do ano anterior. Pemes e micropemes destinaron 36 millóns de euros máis a protexerse fronte á ciberdelincuencia.

En 2024, preto dun 20 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados rexistraron algún incidente de ciberseguridade. A maioría (78 %) son casos de falta de dispoñibilidade dos servizos TIC por fallos no software e hardware e, en menor medida (19,6 %), sitúase a perda de datos debido a ataques exteriores. Nas pequenas empresas os incidentes de ciberseguridade non chegan ao 4 %.

Son datos do informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, edición 2024, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Tecnoloxías disruptivas

O informe analiza tamén o uso das tecnoloxías disruptivas por parte das empresas galegas. En 2024, o 13,1 % das empresas con 10 ou máis persoas traballadoras empregaron a Intelixencia Artificial, superando en 3,5 puntos porcentuais a media estatal. No caso das microempresas o uso desta tecnoloxía non chega ao 6 %, unha cifra moi parella ao indicador estatal.

Ademais, o informe sinala que máis do 30 % das grandes empresas empregan servizos de Cloud Computing, principalmente para a xestión do correo electrónico, o almacenamento na nube, servidores de bases de datos e software de ofimática. Nunha porcentaxe próxima, o 27 %, está o uso da analítica de datos neste perfil empresarial, sobre todo aplicada a datos sobre clientes (65,8 %) e rexistros de transaccións (85,3 %).

Talento Dixital

O 20,5 % das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contan con persoal de perfil tecnolóxico, o que sitúa a Galicia a 5 puntos por riba da media estatal (15,7 %). Os expertos en datos e ciberseguridade son os que teñen maior presenza nas empresas.

O 52,5 % das empresas de 10 ou máis empregados que contratan estes perfís empregan mulleres especialistas TIC. No caso das microempresas, a contratación de mulleres especialistas TIC acada un 44,9 %, rexistrando un incremento relativo do 136,3 % dende o último ano.

Comercio electrónico e presenza online

No 2024, as cifras de vendas mediante comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O cambio máis destacable é o aumento na porcentaxe con vendas das empresas de 0 a 9 empregados, que pasa dun 11,8 % a un 12,5 % (+5,9 %).

O 81,4 % das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas dispoñen de páxina web, moi preto da media estatal (81,8 %). Nas microempresas galegas, a dispoñibilidade medra un 24 %, pasando do 23,7 % ao 31,2 % nun só ano.