O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero rexistra 90 consultas no primeiro semestre

Domingo 01 de Xullo de 2012

O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero rexistra 90 consultas no primeiro semestre

Ofrecido pola Secretaría Xeral da Igualdade, ten como obxectivo proporcionar un asesoramento áxil e salvar as reticencias que ás veces produce a consulta presencial

Este servizo é complementario da atención que se presta a través da rede de 80 CIMs de Galicia

O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero rexistrou 90 consultas no primeiro semestre deste ano. Accesible a través da web igualdade.xunta.es/asesoramentoXuridico, ten como obxectivo dar unha resposta áxil, persoal e gratuíta e salvar as reticencias que se producen con frecuencia á hora de solicitar presencialmente asesoramento sobre violencia de xénero.

Por provincias, o maior volume de consultas neste periodo procede da Coruña con 46, seguida de Pontevedra con 32, Ourense con 5 e Lugo con 4, ás que se engaden 3 procedentes doutras comunidades autónomas. As principais usuarias son mulleres, 75, pero tamén se rexistraron 15 consultas formuladas por homes.

Por tramos de idade, as persoas de 26 a 45 anos representan o 71% das usuarias do servizo; o 37% das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas coas agresións acceso á asistencia xurídica gratuíta cun 17%, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar, coa violencia de xénero e co dereito de familia.

O servizo xurídico online, posto en marcha pola Secretaría Xeral da Igualdade o pasado mes de outubro, ofrece resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade. A través del, as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos, que facilite a adopción das decisións máis axeitadas. En numerosos casos, as mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero descoñecen os dereitos que as asisten, ignoran como abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso é determinante para unha resposta xudicial efectiva.

As consultas online son complementarias das que se poden realizar de xeito presencial nos 80 Centros de Información ás Mulleres, CIM, nas catro provincias galegas, garantindo tamén o anonimato e a confidencialidade das usuarias.