O Servizo Galego de Saúde implanta un novo sistema de alarma nos centros de saúde para previr agresións
Contarán cun dispositivo nos ordenadores que permite ao persoal médico, de enfermería e administrativo pedir axuda se é preciso.
O Servizo Galego de Saúde está a implantar un sistema de alarma nos ordenadores dos centros de saúde e dos puntos de atención continuada (PAC) como parte do seu Plan Integral para a Prevención da violencia laboral.
O procedemento para utilizalo é moi sinxelo. Os centros que conten co chamado botón de alarma terán configurada nas pantallas dos seus ordenadores unha imaxe dun teléfono coa lenda SOS que aparecerá permanentemente no monitor para ser pulsado polo profesional en caso de risco de agresión. Iso permitirá ao usuario dese terminal -persoal médico, de enfermería ou administrativo- enviar unha solicitude de auxilio ao resto do persoal a través dos seus equipos informáticos para que poidan acudir rapidamente na súa axuda.
Con esta medida preténdese previr e controlar con celeridade calquera situación potencial de violencia, perigo ou urxencia e facilitar ao profesional un maior grao de protección, minimizando as posibles consecuencias do incidente e fomentando unha cultura de seguridade e prevención.
Na actualidade, o dispositivo está xa instalado en todos os centros da Xerencia de Atención Primaria da Coruña, e nestes días despregarase tamén nas Xerencias de Atención Primaria de Santiago e Ferrol (hoxe, martes 12 de xaneiro), nas de Pontevedra e Vigo (mañá mércores, 13 de xaneiro) e nas de Lugo e Ourense (o xoves, 14 de xaneiro), polo que antes de finalizar a semana estará dispoñible en todos os centros de saúde da rede sanitaria galega. Así mesmo, na actualidade estase a estudar a posibilidade de estender a súa implantación a outras áreas asistenciais hospitalarias.
A integración dunha cultura de seguridade e saúde na política de recursos humanos é unha prioridade do Servizo Galego de Saúde, xa que supón unha garantía da boa calidade da vida laboral dos seus profesionais. Este é o motivo de que se estea a reforzar o Plan Integral para a Prevención da violencia laboral, mediante a adopción de novas medidas que se constituirán nun proxecto que abarcará distintos ámbitos da organización.
O Servizo Galego de Saúde aposta firmemente pola seguridade de todos os profesionais que integran o sistema sanitario público a fin de poder ofrecer unhas condicións laborais adecuadas e que favorezan a estreita relación entre o paciente e o profesional, conseguindo así ademais unha maior calidade asistencial.