O rexistro de demandantes do Plan de Banda Larga resolveu preto do 90% das solicitudes de servizo de internet rexistradas
A aplicación informática ReDe permite aos cidadáns consultar os avances do Plan no seu núcleo de poboación e rexistrar demandas de cobertura
Está dispoñible na páxina da Amtega http://imit.xunta.es e recibiu preto de 13.000 visitas
O Rexistro de Demandantes ReDe atendeu un total de 819 solicitudes de cobertura de Internet do Plan de Banda Larga da Xunta. Esta aplicación informática foi posta en marcha en xaneiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para que os cidadáns puideran consultar a situación do Plan de Banda Larga no seu núcleo de poboación e rexistrar a súa demanda de servizo en caso de carecer de cobertura.
A día de hoxe resolvéronse preto do 90 % das demandas rexistradas e as restantes estanse a tramitar. Máis da metade das consultas foron realizadas por habitantes de núcleos xa cubertos polo Plan e así se lles trasladou aos usuarios. Arredor do 30% foron demandas de servizo en núcleos cubertos nos que os demandantes carecían de cobertura. Tras enviar estas demandas aos operadores están resoltas ou en vías de resolverse. Neste momento, ReDe ten pendente de resposta por parte dos operadores preto dun 10% de consultas e arredor dun 2% en seguimento.
ReDe está dispoñible na páxina da Axencia para a Modernización Tecnolóxica http://imit.xunta.es, e recibiu preto de 13.000 visitas en tres anos.
Ferramenta de fácil manexo
ReDe é unha ferramenta de consulta sinxela e de fácil manexo. O usuario interesado en coñecer os avances do Plan na súa zona a través de ReDe só precisa un ordenador con conexión a Internet e un navegador web. Na direcciónhttp://imit.xunta.es atopa un enlace para acceder a Rede e xa na páxina principal o usuario pode elixir a súa provincia, concello, parroquia e núcleo.
Unha vez seleccionado o núcleo o usuario visualiza un mapa no que se indica a situación actual de cobertura na zona que está a proporcionar o Plan de Banda Larga e cal dos operadores é o responsable do despregamento. No caso de que as actuacións do Plan, que se prolongarán ata finais de 2013, no chegaran á zona se informa de cando se porán en marcha. Aquelas persoas sen acceso á Internet poden cubrir un formulario cos seus datos quedando rexistrada a súa demanda. Esta información permite ademais realizar un seguimento do plan e contribúe á planificación das actuacións previstas.
Actualización de datos
O Plan de Banda Larga, que ten en marcha todas as actuacións previstas, permitiu o acceso á Internet a máis de 710.000 galegos que carecían de cobertura en 2010. Grazas aos despregamentos do Plan a porcentaxe de poboación con cobertura pasou do 71% en 2009 ao 97% a día de hoxe.
A información de ReDe vénse actualizando a medida que avanzan os despregamento das actuacións do Plan de Banda Larga