O presidente da Xunta subliña que a nova Lei de cooperativas permitirá a innovación con novas fórmulas, reforzará o seu compromiso social e afondará na súa autonomía e xestión

Venres 15 de Xullo de 2011

O presidente da Xunta subliña que a nova Lei de cooperativas permitirá a innovación con novas fórmulas, reforzará o seu compromiso social e afondará na súa autonomía e xestión

Destaca que a norma establece a “redución xeneralizada do número mínimo de socios co fin de estimular a posta en marcha destas sociedades”, pasándose dun mínimo actual de catro socios a outro de tres

Créase unha nova clase de cooperativa, a denominada cooperativa mixta de traballo asociado, que “se caracteriza por incorporar socios de capital” permitindo que “un dos socios sexa realmente o que capitalice a cooperativa”

Resalta que “o novo texto amplía as finalidades do fondo de formación e promoción das cooperativas”, que agora poderá “destinarse á conciliación da vida familiar e persoal, á igualdade da responsabilidade social, e tamén ao apoio a proxectos de emprendedores cooperativos”

No ámbito organizativo, a norma flexibiliza “a regulación dos apoderamentos xerais e singulares”: “Calquera persoa física coas facultades de representación, xestión e dirección –explica Feijóo- poderá ser obxecto deste apoderamento legal”

O Consello da Xunta de hoxe tamén autorizou a sinatura dun convenio co Ministerio de Educación por valor de 6,4 millóns para a aplicación do Proxecto Escola 2.0, así como outro para o desenvolvemento do Plan PROA, por importe de case 5 millóns de euros

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que a nova Lei de Cooperativas de Galicia permitirá, no ámbito económico, “a innovación con novas fórmulas”; reforzará “o compromiso social” das mesmas; e, no ámbito organizativo, afondará na “autonomía e na profesionalización da xestión das cooperativas”.

Neste sentido, Feijóo explicou que, no tocante as novas fórmulas, a norma permitirá, en primeiro lugar, a “redución xeneralizada do número mínimo de socios co fin de estimular a posta en marcha destas sociedades”, pasándose dun mínimo actual de catro socios a outro de tres.

Ademais, a futura lei creará unha nova clase de cooperativa, a denominada cooperativa mixta de traballo asociado, que, como resaltou o presidente galego, “se caracteriza por incorporar socios de capital” permitindo que “un dos socios sexa realmente o que capitalice a cooperativa”. Deste xeito, se impulsa o cooperativismo no sector industrial, contribuíndo á captación de capital e de posibles terceiros socios, pero preservando o acceso efectivo dos traballadores da cooperativa á propiedade da empresa.

No que se refire ao reforzo e compromiso social das cooperativas, o titular do Executivo autonómico resaltou que “o novo texto amplía as finalidades do fondo de formación e promoción das cooperativas”. Dito fondo, segundo explicou Feijóo, poderá “destinarse á conciliación da vida familiar e persoal, á igualdade da responsabilidade social, e tamén ao apoio a proxectos de emprendedores cooperativos”. Ademais, se incorporan disposicións dirixidas a garantir e rexer o principio de igualdade entre homes e mulleres.

Por outra banda, no ámbito organizativo, a nova Lei afondará na autonomía e na profesionalización da xestión das cooperativas. Neste contexto, Núñez Feijóo sinalou que a norma permite flexibilizar “a regulación dos apoderamentos xerais e singulares”. “Calquera persoa física coas facultades de representación, xestión e dirección –explicou Feijóo- poderá ser obxecto deste apoderamento legal para facilitar a xestión ordinaria cunha maior profesionalidade, competitividade e axilidade”.

Neste sentido, compre sinalar que, actualmente, a lei só permite a delegación de facultades de xestión e dirección a favor de conselleiros delegados, é dicir, a favor de membros do consello reitor. Co cambio, se permite “a delegación a favor de calquera persoa física, facilitando a profesionalización das cooperativas”, incidiu Feijóo.

Así mesmo, a norma posibilita a válida constitución das asembleas xerais en segunda convocatoria, e a plena validez dos acordos adoptados con independencia dos socios asistentes, fronte ao texto actual que, como lembra o presidente da Xunta, “bloqueaba, se non había un quorum, o funcionamento da cooperativa”.

Neste campo, se substitúe, nas cooperativas agrarias, a maioría necesaria para aprobación polo voto ponderado. “Consiste na atribución de máis dun voto aos socios que teñan máis volume de actividade cooperativizada, o que na práctica facilitará a súa aplicabilidade real”, explica Feijóo.

Incremento das cooperativas
O presidente galego apuntou que a norma persegue “adaptar á realidade actual unha normativa vixente”, ao tempo que busca “reforzar un sector tan importante para a nosa comunidade”, que sostén arredor de 20.000 empregos e se configura como “unha forma especialmente útil fronte á crise económica”.

Así, e como lembrou Feijóo, “no 2010 se crearon 40 cooperativas novas e se incrementaron os novos socios en 1.500, o dobre que no ano 2009”, cifras que sitúan ás cooperativas como “unha fórmula mellor, polo menos en época de crise, que outras fórmulas mercantís que existen no noso dereito”.

Esta lei supón, ademais, un novo apoio da Xunta de Galicia ás cooperativas; apoio que, segundo recordou Feijóo, se está materializando xa en “asesoramento e financiamento, con catro millóns de euros para promover o cooperativismo en Galicia”.

“En definitiva, -concluíu Feijóo- a Lei persegue flexibilizar, potenciar e capitalizar as cooperativas galegas como un instrumento para facer fronte a crise económica. Trece anos despois, a Xunta aborda unha modificación da Lei de cooperativas que abre as portas a novas fórmulas de unión, de organización, e que da respostas novas a necesidades novas”.

Acordos en materia educativa
O Consello da Xunta de hoxe tamén acordou renovar o Plan PROA para o vindeiro curso escolar, cun investimento de case 5 millóns de euros para tratar de chegar aos alumnos con dificultades de aprendizaxe ou con problemas de integración, “cun esforzo suplementario desde o punto de vista docente”, explicou Feijóo.

Así, este programa recolle dúas modalidades, a primeira delas, o acompañamento escolar, dirixido, por primeira vez tamén ao alumnado de segundo de primaria e que continuará co alumnado dos ciclos de terceiro ciclo de primaria e primeiro e segundo da ESO. Nestes casos, segundo remarcou o presidente galego, un profesor realizará acompañamento fóra do horario lectivo, dous días á semana, para tratar de mellorar as habilidades dos alumnos e “nestes momentos estamos despregados en 95 centros de primaria e 49 centros de secundaria”, abondou.

Respecto á segunda das modalidades, de apoio escolar, está dirixido só aos alumnos que cursan un curso da ESO. Trátase de poñer en marcha diversos programas en centros que reciben unha importante porcentaxe de alumnos en situación de desvantaxe socioeducativa, habendo tres ámbitos de actuación: no centro, nas familias e no contorno. Neste caso, o Plan PROA do próximo curso ten un terceiro programa innovador que busca traballar contra o abandono temperá dos estudos. É a primeira vez que se fai e con el preténdese mellorar a taxa de abandono escolar. Desenvolveráse nas zonas onde o índice dos alumnos graduados en ESO sexa inferior á media.

“Temos o compromiso de tentar introducir unha terceira lingua na educación financiada con fondos públicos, ao igual que a introdución das novas tecnoloxías”, lembrou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello. Por iso, o Consello da Xunta de hoxe aprobou unha ampliación do Proxecto Escola 2.0 para o vindeiro curso. Así renovarase o convenio co Ministerio de Educación para equipar as aulas con pizarras dixitais, con conexión a internet e aos alumnos con ordenadores portátiles. Para iso investiranse 6,4 millóns de euros co obxectivo fundamental de ir convertendo os centros educativos en aulas dixitais. “Imos polo bo camiño”, aseverou o presidente galego lembrando que este curso foron 14.500 os alumnos que tiñan aulas con pizarras e ordenadores persoais e que o próximo curso serán máis de 31.500 alumnos os que estuden con ordenadores portátiles. “Con estes 6,4 millóns de euros xa estamos traballando para o curso 2012-2013, onde imos superar os 40.000 alumnos con ordenadores portátiles e con aulas con pizarras dixitais”, asegurou.