O Observatorio Nacional de Educación Dixital recoñece o modelo de ensino híbrido de Galicia ao outorgarlle o seu primeiro premio a nivel estatal
O modelo de ensino híbrido galego vén de ser recoñecido a nivel estatal coa primeira edición do premio que outorga o Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED), un consorcio integrado por entidades tanto públicas como privadas vinculadas á investigación como a Fundación Cotec e a Fundación Princesa de Girona, entre outras.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recolleu esta mañá en Málaga este galardón, nun acto que tivo lugar con motivo das Xornadas de colaboración público-privada en educación organizadas por esta organización, cuxo labor se centra precisamente en xerar coñecemento colectivo e ofrecer información actualizada sobre a educación dixital en España.
A aposta da Xunta polo ensino híbrido, que este curso se afianzou coa actualización do proxecto E-dixgal, así como o impulso da futura Lei de ensino dixital, pioneira neste eido, son dous dos elementos distintivos do modelo galego que o fixeron merecedor deste galardón de carácter estatal que, segundo o conselleiro Román Rodríguez, “supón un aval ao continuo labor que levamos facendo nos últimos anos grazas a un diálogo permanente con todos os axentes que integran a comunidade educativa”. Na súa
intervención, subliñou a necesidade de abordar os retos tecnolóxicos “con sentido común” para sacarlle o “máximo rendemento” ás competencias dixitais desde unha perspectiva didáctica e sempre “poñendo o alumno no centro das decisións”.
Ademais, para seguir a avanzando no modelo híbrido de ensino, a través da plataforma cREAgal veñen de lanzarse novos materiais e recursos educativos en aberto.
Así mesmo, un dos proxectos máis salientables impulsados pola Xunta é a futura lei de educación dixital, que regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa ante novos desafíos como a intelixencia artificial. Cómpre destacar o carácter integral desta normativa que aspira a ser referente tanto dentro como fóra de Galicia, xa que a día de hoxe non existe ningunha deste tipo a nivel estatal e non consta en Europa.
Mesa con representantes autonómicos
Así o expuxo o conselleiro que, trala recoller o galardón, participou no panel Políticas públicas de dixitalización educativa: prioridades autonómicas organizado polo Observatorio Nacional de Educación Dixital, xunto co conselleiro de Educación e Universidades do Goberno de Baleares, Antony Vera, o viceconselleiro de Educación do Goberno de Canarias, José Manuel Cabrera, e o viceconselleiro de Desenvolvemento Educativo e Formación Profesional da Xunta de Andalucía, Pablo Quesada.
Así mesmo, no panel Retos e propostas de acción: primeiros pasos dos Grupos de Expertos do ONED, participou o xerente de Proxectos de Educación da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, Manuel Ángel García.
Román Rodríguez debullou o conxunto de iniciativas que está levando a cabo Galicia no eido da dixitalización e a tecnoloxía encamiñadas ao “obxectivo prioritario” de consolidar o modelo galego de ensino híbrido, onde as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Para isto é necesario dotalo de competencias dixitais para poder desenvolverse dun xeito responsable, seguro, crítico e competitivo.
Sobre o Observatorio Nacional da Educación Dixital
O Observatorio Nacional de Educación Dixital creouse como unha iniciativa de colaboración público-privada de organizacións e administracións públicas no eido educativo e da innovación. Está integrado por Siena Educación, Aulaplaneta, Fundación Cotec, Fundación Princesa de Girona, Universidade Internacional de Valencia, Microsoft, Intel, Samsung, Escuela21 e Code.org.
O seu obxectivo é promover a mellora continua da educación dixital en España mediante a investigación, a análise e a difusión de boas prácticas e políticas efectivas, así como crear espazos para a reflexión e a xeración de coñecemento orientado a mellorar a calidade da educación dixital nun contexto social cada vez máis dixitalizado e en constante cambio.