O Observatorio Nacional de Educación Dixital premia o Proxecto E-Dixgal no seu X Aniversario
O Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED) recoñeceu co seu premio ao Proxecto E-Dixgal, promovido pola Xunta de Galicia mediante a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coincidindo co décimo aniversario da súa posta en marcha.
A entrega do galardón celebrouse o martes 30 de setembro no Museo Carmen Thyssen de Málaga, no marco da xornada “Desafíos autonómicos na dixitalización educativa”. Neste encontro, representantes de diferentes comunidades autónomas, institucións e especialistas abordaron experiencias e reflexións sobre os retos actuais e futuros da educación dixital.
En representación de Galicia asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o xerente de Proxectos de Educación da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Manuel Ángel García.
Este evento naceu co obxectivo de ofrecer un espazo de diálogo e colaboración que permita avanzar na mellora da calidade e na innovación dos sistemas educativos, tendo en conta as necesidades dunha sociedade cada vez máis dixitalizada e global. Neste contexto, o recoñecemento ao Proxecto E-Dixgal pon de relevo o traballo desenvolvido desde Galicia na última década para integrar os recursos tecnolóxicos nas aulas e favorecer un modelo de ensino híbrido adaptado ás esixencias do século XXI.
Debates sobre os retos da dixitalización
No transcurso da xornada, o noso Xerente de Proxectos de Educación Manuel Ángel García participou na sesión baixo o lema “Retos e propostas de acción dos grupos de expertos do ONED”, na que se abordaron cuestións especialmente relevantes na actualidade, como a xestión do uso das pantallas na aula, o desenvolvemento da competencia dixital de docentes e alumnado, así como os criterios de avaliación e selección de recursos dixitais que aseguren a súa calidade e adecuación ao proceso de ensino-aprendizaxe.
Dez anos de camiño
Con este premio, o ONED quere destacar a traxectoria de E-Dixgal como exemplo dunha política pública sostida no tempo, que contribúe a transformar a realidade das aulas galegas.
O programa non só impulsa a incorporación das tecnoloxías nos centros educativos, senón que tamén garante un acceso máis igualitario á aprendizaxe dixital. Ao mesmo tempo, promove unha metodoloxía innovadora baseada na interactividade, a personalización e a inclusión, e fomenta tanto novas dinámicas de traballo nos centros educativos como a actualización permanente do profesorado e a participación activa das familias no proceso educativo.
O galardón supón, en definitiva, un recoñecemento ao labor de toda a comunidade educativa que, ao longo destes dez anos, fixo posible que Galicia avanzase con paso firme cara a unha escola dixital, innovadora e comprometida coa igualdade de oportunidades.