O Nodo Conectivigal define tres grandes áreas de actuación para adaptar as tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos ás necesidades específicas de Galicia

Xoves 25 de Setembro de 2025

O Nodo Conectivigal define tres grandes áreas de actuación para adaptar as tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos ás necesidades específicas de Galicia

Os grupos de traballo centraranse na capacitación e retención de talento, na dinamización do sector privado e na mellora da conectividade nas administracións públicas
A Cidade da Cultura acolleu hoxe a primeira Comisión de seguimento desta estrutura público-privada integrada pola Xunta, as tres universidades públicas galegas, os centros tecnolóxicos e as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange

O Nodo Conectivigal, iniciativa público-privada para adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia, celebrou hoxe a súa primeira comisión de seguimento, presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
No encontro establecéronse tres grupos de traballo que centrarán as súas actuacións en tres áreas prioritarias: a capacitación e a retención de talento dixital, a dinamización do despregamento destas tecnoloxías no sector privado e a mellora da conectividade nas administracións públicas. Ademais, prevese a constitución dun Comité de Persoas Expertas que prestará asesoramento técnico aos grupos e á propia comisión, reforzando así a gobernanza e a orientación estratéxica do Nodo.
O nodo Conectivi.gal é unha evolución do Nodo de Cooperación 5G, que se creou en 2018 para impulsar o desenvolvemento desta tecnoloxía na Comunidade, un territorio no que o despregamento das redes de telecomunicación sen fíos adquire especial relevancia polas dificultades orográficas e a dispersión poboacional.
As necesidades de conectividade creceron exponencialmente e esténdense a todo tipo de dispositivos, que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos, con tecnoloxías como o internet das cousas.
Hoxe dispoñemos de tecnoloxías adaptadas a eses novos dispositivos, (como NB-IoT, LoraWan ou Wifi Halow), e Galicia quere adoptar o mesmo criterio que no seu momento tomou con 5G: o de situarse á vangarda do seu desenvolvemento, fomentar o seu uso e aplicación e xerar coñecemento en torno a estas tecnoloxías. Adaptar estas tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia é precisamente o obxectivo do Nodo Conectivigal.
O nodo Conectivi.gal está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Universidades e Formación Profesional; do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Forman parte do nodo as tres universidades públicas de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo); as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange; e a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (ATIGA – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia).