O Expediente Electrónico do Profesional posto en marcha polo Servizo Galego de Saúde xa conta con máis de 4 millóns de méritos incluídos
Máis de 120.000 profesionais teñen creado o seu expediente electrónico, e a plataforma xa recibiu máis de 2 millóns de accesos por intranet e internet
Esperanza Fernández destacou que neste primeiro ano de aplicación, o Expedient-e está xa a permitir reducir a carga administrativa e conseguir unha resolución máis áxil dos procesos rebaixando varios meses a súa tramitación
Máis de 120.000 profesionais xa teñen creado o seu expediente electrónico no Servizo Galego de Saúde, ademais esta aplicación conta con máis de 4 millóns de méritos incluídos e máis de 2 millóns de accesos sistema, tanto pola intranet como por internet. Son algúns dos datos destacados esta mañá pola directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Esperanza Fernández Lago, na presentación desta plataforma –cuxo desenvolvemento iniciouse en xullo de 2011- no CHUS.
O expediente electrónico do profesional permite a todo o persoal dispoñer dun currículo electrónico, centralizando e unificando os seus méritos, tanto a través de internet como da propia intranet do Sergas. Neste momento están convocados os procesos de contratación temporal de varias categorías, entre elas as de enfermería, e tamén acaba de convocarse o concurso de traslados de facultativos especialistas de área e médicos de urxencias, que é o paso previo a oferta pública de emprego que se celebrará este ano.
Modernización, transparencia e axilidade
A directora de Recursos Humanos salientou que “o proxecto do expediente profesional é unha aposta pola profesionalización do sistema” e salientou que “o Sergas é un referente nacional na aplicación das TIC no ámbito sanitario polo que queriamos aproveitar esta vantaxe competitiva e aplicala tamén no ámbito dos recursos humanos”.
Esperanza Fernández Lago destacou que “o que trae consigo esta ferramenta é que a administración e os profesionais interactúen con transparencia e axilidade. O profesional pode acceder en calquera momento ao seu expediente, ver en que estado se atopan os seus méritos e ir actualizándoo segundo vaia adquirindo máis coñecementos”.
Neste senso, a directora de Recursos Humanos destacou que o Expedient-e está xa a permitir reducir a carga administrativa e conseguir unha resolución máis áxil dos procesos que levan consigo a baremación de méritos. Proba de elo é que nas categorías de técnicos sanitarios superiores as listas coas puntuacións provisionais publicáronse en seis meses dende a súa convocatoria, prazo que foi de trece meses no caso das últimas listas das mesmas categorías xestionado polo procedemento anterior.
O Expedient-e é unha maneira de xestionar o currículo de forma sinxela e intuitiva, que permite acurtar prazos de xestión en ofertas públicas de emprego, listaxes de contratación temporal, promoción laboral ou procesos de mobilidade. O expediente está visible no espazo da Oficina Virtual do Empregado (FIDES) na páxina web da Consellería de Sanidade (https://fides.sergas.es/).
Así, cada profesional ten a posibilidade de consultar os datos que constan no seu expediente electrónico actualizándoo mediante a introdución de novos méritos. Eses méritos debidamente acreditados quedan incorporados ao expediente electrónico do aspirante de forma permanente, podendo ser utilizados posteriormente nos procesos nos que este desexe participar.
Novas liñas de traballo
Actualmente, o Servizo Galego de Saúde está traballando para que o programa posibilite aos profesionais que colaboran en proxectos internacionais de investigación adaptar o formato do seu currículo as exixencias deses proxectos.
Ademais, tamén se está a desenvolver un módulo para mellorar a comunicación entre a administración e os profesionais, así como se está a traballar na futura dixitalización de toda a información co obxectivo de eliminar o papel, o que suporá un importante aforro en recursos materiais.