O Director da Amtega destaca a importancia da especialización tecnolóxica e a soberanía dixital no desenvolvemento económico e social de Galicia
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, destacou hoxe o papel clave da especialización tecnolóxica e da soberanía dixital no desenvolvemento económico e social de Galicia. O responsable autonómico inaugurou esta mañá o Demo Day de ciberseguridade, do Programa de Emprendemento en Ciberseguridade, unha xornada organizada por Amtega e Wayra.
Durante a súa intervención, Damián Rey sinalou que a transformación dixital representa “unha oportunidade única para unha rexión como Galicia”, grazas á combinación de tecnoloxías como o Internet das Cousas, o 5G, a intelixencia artificial ou a economía do dato, que permiten unha xestión máis eficiente do territorio e unha mellora na prestación dos servizos públicos.
Ademais, o director da Amtega subliñou a necesidade de impulsar unha transformación dixital segura, baseada na protección das persoas e dos datos, e na relevancia de contar cun tecido empresarial TIC forte e competitivo, capaz de dar resposta aos retos estratéxicos da Comunidade.
Sector TIC forte
Galicia conta actualmente con case 23.500 persoas empregadas no sector TIC e arredor de 3.200 empresas tecnolóxicas, cifras que sitúan á Comunidade como quinta a nivel estatal neste ámbito e evidencian o crecemento e consolidación deste ecosistema.
Damián Rey indicou que a Xunta está a reforzar este posicionamento con iniciativas como a creación dun Centro de Excelencia en Ciberseguridade, a posta en marcha de nodos de especialización tecnolóxica ou o impulso do ecosistema GobTec, recentemente aprobado, que busca fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras en colaboración co tecido empresarial.
O director da Amtega animou aos investidores e axentes do ecosistema TIC a apoiar o talento galego e a apostar por proxectos innovadores capaces de situar Galicia como referente en ciberseguridade.
Emprendemento
O Demo Day do Programa de Emprendemento en Ciberseguridade é unha xornada organizada por Amtega e Wayra no marco do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia. Durante o evento, as startups presentan as súas solucións, desenvolvidas ao longo do programa de incubación e aceleración, apoiado pola Xunta de Galicia a través de iniciativas de asesoramento, mentoring e capacitación.