O Cetmar acolle unha xornada sobre tecnoloxías emerxentes de aplicación nos produtos pesqueiros

Xoves 18 de Novembro de 2010

O Cetmar acolle unha xornada sobre tecnoloxías emerxentes de aplicación nos produtos pesqueiros

Investigadores de prestixio exporán as vantaxes e inconvenientes de tecnoloxías con gran potencial de aplicación nos produtos da pesca e da acuicultura, máis en concreto sobre as posibilidades relacionadas coa irradiación de alimentos e as aplicacións da nanotecnoloxía. Ademais, as plataformas galegas presentarán os seus servizos de vixilancia tecnolóxica. Será o 22 de novembro

Está organizada por TECNOPEIXE e pola Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria (PTGAL)

O Centro Tecnolóxico do Mar acollerá o vindeiro 22 de novembro unha xornada técnica sobre a aplicación da irradiación e da nanotecnoloxía nos produtos da pesca e da acuicultura. Trátase dunha iniciativa organizada pola Plataforma TECNOPEIXE en colaboración coa Plataforma Galega Agroalimentaria (PTGAL) e contará coa presenza de investigadores de prestixio que falarán sobre as vantaxes e inconvenientes das devanditas tecnoloxías.

Persoal do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía e da Universidade de Vigo exporán así as potenciais aplicacións deste campo do coñecemento nos produtos da pesca segundo o estado da técnica internacional. Por outra banda representantes da empresa IONISOS Ibérica, especializada na ionización ou irradiación como tecnoloxía de esterilización, e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC falarán das posibilidades daquela como método para preservar a calidade e a seguridade dos produtos, así como dos factores barreira ou limitantes para a súa aplicación no mercado.

Ademais dos relatorios sobre as devanditas tecnoloxías, a xornada técnica ten previstos outros dous por conta dos organizadores. Así, PTGAL presentará o seu servizo de vixilancia tecnolóxica, mentres que TECNOPEIXE ofrecerá as conclusións dos seus informes de vixilancia en tecnoloxías dos produtos da pesca e do marisqueo. Ambas charlas correrán por conta de representantes das secretarías técnicas das dúas plataformas galegas.

As persoas interesadas en asistir á xornada técnica poderán formalizar a súa incrición a través da páxina web de TECNOPEIXE (www.tecnopeixe.org/jornada.asp) antes de mañá, 19 de novembro.