O Centro GaiásTech publica unha aplicación móbil que facilita o acceso aos seus servizos e abre foros de debate sobre tecnoloxías intelixentes

Luns 10 de Febreiro de 2025

O Centro GaiásTech publica unha aplicación móbil que facilita o acceso aos seus servizos e abre foros de debate sobre tecnoloxías intelixentes

A app permite inscribirse nas actividades, realizar reservas de espazos e participar en debates enfocados nas tecnoloxías innovadoras
En 2024 o centro realizou máis de 50 actividades, nas que participaron máis de 800 persoas
Esta instalación, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, facilita a difusión e demostración de solucións tecnolóxicas innovadoras para a cidadanía e o tecido empresarial

O Centro GaiásTech vén de sumar un novo servizo coa publicación dunha aplicación que busca incrementar a accesibilidade dos seus servizos a cidadáns e empresas. A app, que está dispoñible para Google Play e Apple Store, facilita aos usuarios a inscrición nas actividades, a reserva de espazos no centro e a participación en foros de debate enfocados nas tecnoloxías innovadoras.

A aplicación engádese aos 13 servizos que ofrece actualmente o GaiásTech e busca xerar comunidade en torno á transformación dixital a través do sistema de foros interactivos que ofrece.

En 2024 o GaiásTech organizou medio cento de actividades, entre xornadas formativas, de difusión, demostradoras, ou sectoriais, nas que se se amosaron solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. O número de participantes nestas sesións ascendeu a 820 persoas. Ademais, o centro ofrece un Mapa de Capacidades Dixitais, un escaparate de solucións tecnolóxicas no que xa hai un total de 353 empresas rexistradas, con máis de 1.400 produtos e servizos dixitais, que emprega ata 78 tecnoloxías diferentes.

Un centro para impulsar a transformación dixital

O Centro GaiásTech, situado na Cidade da Cultura e dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo ofrecer á cidadanía e ao tecido empresarial información e capacitación sobre o proceso de transformación dixital e facilitar o acceso e coñecemento dos recursos e ferramentas dispoñibles en torno ás últimas solucións tecnolóxicas.

O GaiásTech concentra parte das actuacións dos nodos de colaboración en tecnoloxías como o despregue de redes de telecomunicacións no territorio, a ciberseguridade ou a intelixencia artificial, e colabora, tamén, activamente coas actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede de aulas públicas CeMIT.