O CDTIC celebra o 6 e 7 de maio dous obradoiros sobre solucións para a mellora da produtividade nas organizacións e a xestión da opinión dos clientes
A primeira das xornadas ten como obxectivo coñecer as metodoloxías, prácticas e ferramentas que axudan a incrementar a produtividade e a organización de grupos integrados por traballadores do coñecemento.
Na segunda mostrarase a ferramenta Opinat, pensada para que as empresas xestionen as opinións dos clientes e elaboren automaticamente informes e diagramas de Pareto.
A asistencia aos seminarios é de balde, condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en: https://cdtic.xunta.es/produtitividade e http://cdtic.xunta.es/opinion-cliente
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá, os vindeiros 6 e 7 de maio enhorario de 17.00 a 20.00 horas, dous obradoiros sobre a mellora da produtividade nas organizacións e a xestión da opinión dos clientes.
O primeiro deles, que impartirá Rafael García, responsable da empresa Valor 2.0, leva por título “Mapa de solucións de produtividade e organización para traballadores do coñecemento”, e ten como obxectivo dar a coñecer un abano actualizado de metodoloxías, prácticas e ferramentas coas que incrementar a produtividade e o nivel de organización entre equipos integrados por traballadores do coñecemento. Ademais, aplicaranse casos prácticos, que os asistentes identificarán como moi próximos ao seu día a día.
O segundo seminario, “O valor real da opinión do cliente. O único número a facer crecer”, celebrarase o 7 de maio e será impartidopor José M.ª Raventós, managing director de Opinat, e Rocío Alcobre, directora e consultora da zona norte de Opinat e directora de SIreponsable. Na xornada analizaranse os sistemas que se utilizan actualmente para obter resposta dos clientes e coñecer o sistema Net Promoter Score (NPS), empregado polas mellores empresas do mundo para poder valorar as contribucións da súa filosofía, o seu enfoque e a súa xestión aos negocios. Para iso empregarase Opinat, unha ferramenta que simplifica a xestión diaria dos detractores da empresa, así como a elaboración automática de informes e diagramas de Pareto.
Persoas destinatarias dos seminarios
Os principais destinatarios do seminario do 6 de maio, “Mapa de solucións de produtividade e organización para traballadores do coñecemento”, son responsables de pemes e de organismos de xestión pública e traballadores do coñecemento, aínda que tamén pode ser de interese para persoal que traballe en servizos de información, actividades xurídicas, actividades de consultoría de xestión empresarial, actividades de tradución e interpretación, sector educativo, actividades de arquivos etc.
En canto á segunda das xornadas, “O valor real da opinión do cliente. O único número a facer crecer”, está indicada para pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, e asociacións e clústeres empresariais.
A asistencia a ambas as dúas actividades é de balde, previa inscrición no enderezo https://cdtic.xunta.es/produtitividade para o primeiro seminario e, para inscricións á segunda sesión http://cdtic.xunta.es/opinion-cliente.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.