O arquivo de Galicia acolle a presentación do ‘estudo orgánico e funcional da Xunta’, que senta as bases para crear un sistema de xestión integral de documentos da Administración Autonómica

Xoves 09 de Xuño de 2011

O arquivo de Galicia acolle a presentación do ‘estudo orgánico e funcional da Xunta’, que senta as bases para crear un sistema de xestión integral de documentos da Administración Autonómica

O estudo, presentado con motivo do Día Internacional dos Arquivos, é a primeira aproximación á estrutura e ao funcionamento da Administración galega e supón un paso previo para acometer un novo tratamento arquivístico da documentación producida, recibida e acumulada pola Xunta no desenvolvemento das súas funcións.

A información recompilada permitiu propoñer un cadro de clasificación funcional para manexar o volume de datos almacenados na administración galega, que suma máis de 60 quilómetros de papel.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que desde a Xunta traballase para acadar unha verdadeira administración electrónica. “Temos xa a obriga de adaptar todos os procesos e xestións ao documento electrónico e coas mesmas garantías para os cidadáns”, asegurou.

Pola súa banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, asegurou que o estudo “ofrécenos un retrato, ou mellor, unha cartografía do que foi a Administración de Galicia desde os afastados tempos da pre-autonomía ata hoxe”.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, presentaron esta mañá a publicación Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia. Proposta dun cadro de clasificación, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo. A presentación, que tivo lugar no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, realizouse coincidindo co Día Internacional dos Arquivos, que se celebra en todo o mundo o 9 de xuño de cada ano.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos destacou que o libro presentado hoxe “é froito de dous anos de traballo do equipo técnico do Arquivo de Galicia”, un esforzo polo que felicitou aos responsables da súa elaboración. Francisco López engadiu, ademais, que o informe é “un paso previo” para acometer calquera programa de tratamento arquivístico da documentación producida, recibida e acumulada pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas funcións.

Na súa intervención, o director xeral Libro, Bibliotecas e Arquivos tamén asegurou que este estudo “ofrécenos un retrato, ou mellor, unha cartografía do que foi a Administración de Galicia desde os afastados tempos da pre-autonomía ata hoxe”. Francisco López recalcou, ademais, que “mirando cara o futuro” o Arquivo de Galicia ofreceu este traballo á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A partir do informe presentado hoxe pódense sentar as bases para desenvolver un completo sistema de xestión e tratamento integral de documentos para colaborar de forma efectiva na implantación da administración electrónica.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que desde a Xunta se está a traballar para acadar unha verdadeira administración electrónica. “Temos xa a obriga de adaptar todos os procesos e xestións que realizabamos en papel ao documento electrónico e coas mesmas garantías para os cidadáns”, asegurou. Neste sentido, sinalou que “só no 2010 recolléronse case 3,5 millóns de entradas no rexistro presencial o que supón case 15 millóns de documentos que entran na administración, adicionalmente aos que nós mesmos xeramos.”

Mar Pereira indicou que os avances tecnolóxicos e a propia Lei 11/2007 de Acceso dos Cidadáns aos Servizos Públicos, obrigan á Administración galega a transformar esta realidade. Un obxectivo recollido no Plan de Modernización da Administración Pública, posto en marcha o pasado ano, e que ten entre as súas liñas de actuación a implantación dun Modelo de Xestión Documental da Xunta (MXDX), alcanzar o máximo nivel de interoperabilidade (e intra-operabilidade) e o arquivo electrónico.

Por último, a secretaria xeral  destacou  que o documento electrónico achega vantaxes á actividade administrativa tales como  axilizar a consulta e recuperación de documentos tanto por parte da Administración como por parte do cidadán; ser  máis eficientes na xestión dos expedientes, evitando extravíos e buscas manuais; reduce o espazo físico dedicado ao papel, cos seus consecuentes custos directos e indirectos e facilitar o intercambio de documentos electrónicos entre distintas departamentos e distintas Administracións.

Unha completa publicación
O Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia. Proposta dun cadro de clasificación é un traballo inicial que se apoia no labor que anteriormente desenvolveu o persoal do centro antecesor do Arquivo de Galicia, o Arquivo Xeral da Administración de Galicia, e que se proxecta cara o futuro. É, ademais, un traballo xerminal do Arquivo de Galicia, xa que constitúe a base sobre a que deberá construír todo o sistema documental que lle permita facer fronte aos desafíos documentais que presenta a actividade administrativa.

En 2010, promoveuse a realización dunha enquisa documental na Xunta de Galicia que permitiu coñecer o volume de documentos almacenados (máis de 60 quilómetros de papel) e as características esenciais desta documentación. A información recompilada permitiu propoñer un cadro de clasificación funcional para manexar este gran volume de datos. Ademais, o Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia. Proposta dun cadro de clasificación supón a primeira aproximación á estrutura e ao funcionamento da Administración galega. Trátase dun paso previo para acometer calquera programa de tratamento arquivístico da documentación producida, recibida e acumulada pola Xunta no desenvolvemento das súas funcións.

Portas abertas
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos destacou que a presentación do Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia coincide coa celebración do Día Internacional dos Arquivos. Francisco López asegurou que, con motivo desta data, a Consellería de Cultura e Turismo invitou a tódolos arquivos de Galicia “a facerse presentes na sociedade galega con actividades que puxesen de manifesto o seu carácter de servizos públicos en canto conservadores da memoria colectiva”. Por esta razón, hoxe estase a celebrar unha xornada de portas abertas en todos os arquivos galegos, con visitas guiadas e mostras dos documentos máis significativos para os visitantes.

Con estas actividades, a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos trata de transmitir á sociedade galega a importancia da preservación documental e mostrar o papel que xogan estes centros na conservación da memoria colectiva.