No marco do Plan de formación para a excelencia turística, o Centro Superior de Hostelería acolle un curso sobre as claves das axencias de viaxes no negocio on-line
Os alumnos acoden varios días a xornadas formativas nas instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia para aprender a coñecer mellor a demanda e os diferentes segmentos e a xestionar a súa comercialización e distribución on-line
Enmarcado no Plan de Formación para a Excelencia Turística da Escola de Organización Industrial (EOI) en colaboración coa Secretaría Xeral para o Turismo comezou a impartirse hoxe o curso Claves das Axencias de Viaxes no Negocio On-Line no Centro Superior de Hostelería de Galicia. O curso de 86 horas terá a súa continuación durante o 20 e 21 de novembro e tamén os días 11 e 12 de decembro. Os alumnos son profesionais do sector das axencias de viaxes de toda Galicia que desexan mellorar o aproveitamento do canal on-line como canal de ventas e de relación cos clientes.
O curso analiza os cambios no mercado da comercialización de viaxes, así como as oportunidades e retos para que as axencias de viaxes poidan reconverter o seu modelo de negocio e aproveitar as novas oportunidades. Así, os alumnos recibirán información sobre redes sociais, a visibilidade en Internet, o plan de comunicación e o plan de vendas e a rendibilidade.
O obxectivo do curso é axudar a coñecer mellor a demanda potencial e os seus diferentes segmentos, detectar as debilidades e fortalezas, aprender a deseñar produtos ou servizos e xestionar adecuadamente a súa comercialización e distribución on-line. Os alumnos deberán desenvolver 50 horas presenciais en datas alternas. E terán que facer tamén 30 horas on-line (titorías), ademais de presentar un proxecto onde elaborarán un plan de negocio para a axencia de viaxes ou para o produto ou servizo.
Redes sociais e marketing online no sector do aloxamento
A Escola de Organización Industrial tamén comezará a impartir mañá e pasado un curso sobre redes sociais e marketing online no sector do aloxamento. As clases presenciais que terán a súa continuación durante os días 21, 22, 28 e 29 de novembro contarán con alumnos empresarios ou profesionais de empresas turísticas que desexan mellorar os seus coñecementos sobre o uso das redes sociais para a promoción e comercialización de servizos de aloxamento.
O curso ensina as tendencias en redes sociais e outros medios de marketing online, a súa influencia no ránking de procuras, as claves para o seu uso efectivo, a forma de involucrar aos clientes neste método de traballo, o planeamento e a promoción de eventos en redes sociais, os newsletters efectivos, o marketing a través de dispositivos móbiles, a xestión da reputación online e o plan de marketing online.
Ambos cursos forman parte do Plan de Formación para a Excelencia Turística desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Turismo que se iniciou en marzo e rematará no mes de febreiro de 2013. En total, son 22 cursos que se desenvolven no CSHG, pero tamén noutras cidades de Galicia.