Modernización avoga por un modelo de contratación de servizos TIC transparente e que optimice o investimento dos proxectos tecnolóxicos na administración
A elaboración da Guía xurde ante a ausencia dunha metodoloxía común que impide aproveitar os beneficios das economía de escala e a mellorar a xestión das compras
O novo modelo de contratación recollido na Guía e consensuado entre os profesionais TIC e os órganos xurídicos promove unha estratexia TIC única
Procúrase ademais a profesionalización da función informática na Administración Pública e o mantemento do coñecemento na organización
O documento establece directrices claras nas relacións contractuais coas empresas para definir e delimitar os servizos que prestan
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presentou hoxe a Guía de boas prácticas nos procedementos de contratación TIC. Un documento que ten como obxectivo “definir un modelo de contratación transparente no que se consigan importantes aforros e se mellore a xestión das compras, centralizando os contratos e aplicando a economía de escala.”
Así definiu a finalidade da Guía a responsable do departamento, Mar Pereira, que destacou a necesidade de crear un modelo de contratación “no que as empresas coñezan con claridade os criterios de contratación da Administración, profesionalizando así a función informática na Administración Pública e mantendo o coñecemento na organización.”
A guía de boas prácticas está dirixida aos profesionais TIC e órganos de contratación do conxunto de departamentos da Administración Autonómica, dos seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma. Ademais, busca ofrecer ao resto de profesionais non TIC implicados nas contratacións unha visión clara das problemáticas e especificidades da contratación neste ámbito.
Punto de partida
A elaboración desta guía xurde ante o uso imprescindible das tecnoloxías da información e da comunicación para mellorar o servizo ao cidadán e aumentar a eficacia administrativa. A secretaria xeral explicou que unha vez analizada a situación de partida detectouse a ausencia duns criterios homoxéneos de licitación, valoración e execución dos contratos.
A responsable de Modernización indicou que “desde a Secretaría Xeral eramos conscientes de que era preciso fomentar o uso compartido de solucións entre departamentos para mellorar de servizos e reducir de custes. Cambiar esta situación permitirá que haxa transferencia tecnolóxica entre departamentos, visibilidade do investimento en tecnoloxía e facilitará a integración dos sistemas de información”.
Mar Pereira sinalou que “hai que afastarse dunha política tecnolóxica dividida en departamentos estancos onde cada consellería realiza a súas compras TIC (equipos, servizos, comunicacións e licenzas) atendendo ás súas necesidades particulares”. Esta ausencia dunha metodoloxía común impide aproveitar os beneficios das economías de escala (prezos unitarios) e a optimización de custos nos procesos de contratación.
Por outra banda, era preciso establecer unhas directrices claras nas relacións contractuais coas empresas para definir e delimitar os servizos que prestan, que en ningún caso estarán orientados a suplir desaxustes e carencias de persoal interno. Neste sentido, a responsable de Modernización subliñou que “non se contratan persoas senón servizos tecnolóxicos especializados”.
Obxectivos
O novo modelo de contratación recollido na Guía e consensuado entre os profesionais TIC e os órganos xurídicos promove unha estratexia TIC única, que permita avanzar cara un enfoque tecnolóxico homoxéneo e sostible, común e único na Xunta de Galicia. Tamén busca unha visión do orzamento TIC única e da optimización dos procesos de licitación e adquisición, centralizando a compra de produtos, servizos ou licenzas acadando prezos unitarios.
O avance continuo das tecnoloxías require un elevado grao de especialización e o volume dos proxectos que se están a desenvolver fai preciso recorrer á contratación de servizos e empresas especializadas do sector. Neste sentido, a guía recolle tamén un modelo de colaboración coa empresa privada baseado na externalización multiprovedor e cuns criterios homoxéneos de relación coas empresas.
Ademais, a guía establece os mecanismos que regulen a propiedade dos produtos resultantes da contratación, garantindo a transferencia tecnolóxica e que o coñecemento permaneza na Administración. Unha transferencia tecnolóxica do coñecemento que ten que vir acompañada dunha correcta xestión da propiedade intelectual dos traballos, así como do ciclo de vida dos produtos.
Tamén se promove unha correcta avaliación do servizo recibido pola Administración por parte dos provedores, facendo un seguimento exhaustivo do cumprimento dos servizos e dos prazos establecido e pondo en marcha os axeitados mecanismos de penalización cando isto sexa preciso.