Miguel Corgos destaca que Ourense e o Ceciga converteranse no epicentro da ciberseguridade, clave para avanzar na soberanía dixital e na especialización

Martes 09 de Xuño de 2026

Miguel Corgos destaca que Ourense e o Ceciga converteranse no epicentro da ciberseguridade, clave para avanzar na soberanía dixital e na especialización

Lembrou que, só desde o ano 2022, o Goberno galego leva investidos na Administración autonómica en torno a 45 M€ en actuacións de ciberseguridade
Constata a aposta firme da Xunta pola colaboración neste eido, coa creación do Nodo CIBER.GAL, unha estrutura público-privada da que forman parte máis de medio centenar de empresas, as universidades e os centros de investigación galegos
Subliñou que a participación no proxecto RETECH permitirá situar a Galicia na vangarda da seguridade en tecnoloxías como a do vehículo autónomo ou a das aeronaves non tripuladas
Destacou que Ourense acollerá a aula-laboratorio de referencia na Comunidade nos estudos de ciberseguridade na Formación Profesional
O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou a xornada Ciberseguridade Aplicada, protexendo ás empresas galegas nun mundo dixital

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que Ourense e o Ceciga converteranse no epicentro da ciberseguridade, clave para seguir avanzando na soberanía dixital e na especialización.

“Cando falamos de intelixencia artificial, pensamos na Coruña, onde logramos que se instalara a Axencia Estatal de Supervisión de IA e onde consolidamos a Cidade das TIC; cando falamos de telecomunicacións, pensamos en Vigo; cando falamos de vehículos aéreos non tripulados, pensamos en Lugo; e, cando falamos de ciberseguridade, pensamos en Ourense, onde se está a construír o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia”, dixo, subliñando que, coa súa posta en marcha Galicia situarase á vangarda na protección fronte ás ameazas dixitais.

Durante a inauguración da xornada Ciberseguridade Aplicada, protexendo ás empresas galegas nun mundo dixital, Corgos recordou que, só desde o ano 2022, o Goberno galego leva investidos na Administración autonómica en torno a 45 M€ en actuacións de ciberseguridade. E resaltou tamén a aposta firme da Xunta pola colaboración neste eido, coa creación do Nodo CIBER.GAL, unha estrutura público-privada da que forman parte máis de medio centenar de empresas de Galicia, ademais das universidades e os centros de investigación galegos, e cuxa actividade para afrontar os retos da ciberseguridade se desenvolverá en Ourense.

Nesta mesma liña, Corgos referiuse tamén ao desenvolvemento do proxecto RETECH, no que Galicia participa e do que forman parte unha rede de laboratorio e centros demostradores en ciberseguridade, que permitirán situar a Galicia na vangarda da seguridade en tecnoloxías como a do vehículo autónomo ou a das aeronaves non tripuladas.

Así mesmo, tamén no marco do RETECH, o conselleiro de Facenda destacou que Ourense acollerá a aula-laboratorio de referencia na Comunidade nos estudos de ciberseguridade na Formación Profesional.

Por último, e para completar toda esta estratexia, recordou que a Xunta está a desenvolver, por unha banda, campañas de sensibilización sobre os riscos asociados ao uso das tecnoloxías, que chegaron xa a máis de dous millóns de persoas. Ademais de iniciativas de apoio á adquisición de competencias en empresas, co lanzamento de oito novos cursos.

“En definitiva, estamos a falar de todo un conxunto de actuacións para situar a Galicia á vangarda no eido da protección fronte ás ameazas que conleva o continuo desenvolvemento das tecnoloxías dixitais”, concluíu a modo de resumo.