Medio Rural impulsa a través do programa europeo Winetech a innovación e transferencia tecnolóxica no sector vitivinícola

Xoves 08 de Decembro de 2011

Medio Rural impulsa a través do programa europeo Winetech a innovación e transferencia tecnolóxica no sector vitivinícola

Este programa, que integra a 11 beneficiarios de 7 rexións de España, Portugal e Francia, ten un presuposto de 1,6 millóns de euros e unha duración de 33 meses dende abril do 2009

A Consellería do Medio Rural impulsa a través do programa europeo WINETech a innovación e transferencia tecnolóxica -en tódalas fases do proceso de elaboración do viño- para tratar de cubrir as principais necesidades deste sector.

No sector vitícola galego, as necesidades prioritarias detectadas acentúanse sobre todo en aspectos relacionados coas melloras na aplicación de tratamentos fitosanitarios, resistencia e selección varietal e clonal a pragas e a mellora sobre o coñecemento de variedades (clones e portaenxertos), seguidas en menor medida pola determinación de novos parámetros de calidade da uva e a mellora do control da produción no campo.

No tocante á enoloxía, o máis destacado é a necesidade de desenvolvemento de novos viños de calidade e novas elaboracións, seguido pola identificación, selección e avaliación de bacterias lácticas, valoración da influencia da calidade da cortiza como tapón e a identificación, selección e avaliación de fermentos.

Pero tamén son importantes aspectos relacionados coa necesidade de innovación no terreo do enoturismo, na formación e promoción turística, información técnica e transferencia de tecnoloxía e coñecemento e mellora na xestión ambiental.

Proxectos en estudo

Ata o de agora, foron identificados e catalogados un total de 264 investigadores con capacidade para dar solución ás necesidades do sector vitivinícola na área WINETech, dos cales 23 se atopan en Galicia. Como resultado da identificación de necesidades de I+D+i e dos servizos tecnolóxicos ofertados por WINETech, identificáronse 35 proxectos de I+D+i de interese para o sector vitivinícola nas 7 rexións implicadas.

En Galicia estase traballando en 5 liñas de investigación que abordan temáticas tan diversa como: o estudo da influencia dos solos na calidade final dos viños; aproveitamento de subprodutos de vinificación para o seu aproveitamento en viticultura; estudo das cubertas vexetais e a súa influencia no manexo do viñedo; estudo das enzimas nos procesos de vinificación; ou a innovación na xestión dos procesos para mellorar a calidade final dos viños.

‘IV Evento Interrexional WINETech’

Co fin de dar a coñecer aos axentes do sector vitivinícola información dos avances do proxecto WINETech así como dos servizos que ofrece, o vindeiro 15 de decembro celebrarase o ‘IV Evento Interrexional WINETech’, que terá lugar en Santiago de Compostela. Un programa que Medio Rural materializa a través do organismo adscrito á Consellería, o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), e na que colabora a Fundación Empresa Universidad Gallega (Feuga).

Este evento, que será inaugurado polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e que contará coa participación de grandes profesionais do mundo da viticultura, enoloxía e investigación, estará composto por dous paneis diferenciados, un deles centrarase na enoloxía mentres que o outro na viticultura, onde se analizarán aspectos tan importantes como as posibilidades de técnicas de membrana en enoloxía fronte ao cambio climático ou as coberturas vexetais en viñedo como alternativa sostible ao labor tradicional.

Ademais, tamén haberá un seminario de difusión e resultados do WINETech, onde se darán a coñecer os resultados da avaliación deste programa, a aposta polas novas tecnoloxías en viticultura e elaboración do viño. Finalizarase este evento coa presentación da Plataforma tecnolóxica do viño en España, afondando na súa orixe, presente e futuro; e unha mesa redonda sobre investigación vitivinícola e sinerxías co sector do turismo.

WINETech

O programa WINETech foi aprobado na primeira convocatoria do Programa de Cooperación Territorial INTERREG IV B SUDOE, e ten unha duración de 33 meses, iniciándose no 2009 e rematando en decembro deste ano. O seu presuposto é de 1,6 millóns de euros, dos cales o 75% está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto pertence a fondos propios.

O grupo de traballo está composto por 11 beneficiarios de 7 rexións de España (A Rioxa, Castela e León, Castela-A Mancha e Galicia), Portugal (Rexión Norte e Alentejo) e Francia (Languedoc-Roussillon).

Promoción do I+D+i

O principal obxectivo de WINETech é o de promover a innovación e a transferencia de tecnoloxía no sector vitivinícola, favorecendo o establecemento de relacións estables entre as empresas do sector e as entidades da súa contorna científica tecnolóxico. Para iso proponse facilitar ao tecido empresarial e á comunidade científica un acceso preferente a unha ampla gama de servizos orientados a introducir solucións de I+D+i nos procesos de viticultura, elaboración de viño e xestión integral das adegas.

En canto aos resultados cualitativos, cabe destacar a mellora do coñecemento científico e tecnolóxico a disposición das empresas do sector, o achegamento entre ambos sectores, o apoio ás iniciativas para mellorar e promover a innovación e a mellora do nivel competitivo do sector vinícola na área WINETech.