Mar Pereira afirma: "o desenvolvemento da administración electrónica ofrecerá aos cidadáns uns servizos públicos máis eficientes e mellorará a xestión interna da Xunta de Galicia"
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica sitúa o avance da eAdministración entre as”obrigas” do Goberno galego.
As liñas de actuación nesta materia, tanto a nivel estatal como europeo, buscan consagrar o dereito dos cidadáns a comunicarse coas administracións a través de medios telemáticos.
A estratexia TIC da Xunta de Galicia busca situar á Comunidade no núcleo avanzado da sociedade da información.
“Unha demanda recoñecida como unha necesidade”, así definiu a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a importancia do desenvolvemento da Administración electrónica no contexto actual. Mar Pereira, que pronunciou esta mañá a conferencia inaugural do “Curso Superior de Administración Electrónica”, organizado pola EGAP, explicou os pasos que se están a seguir para acadar as máximas cotas de evolución das TIC na Administración Autonómica. Un obxectivo que situou entre “as obrigas” do Goberno galego dentro da súa estratexia de impulso ás novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade.
Mar Pereira sinalou que desde o seu departamento se entende a Administración Electrónica como unha “actuación orientada a ofrecer a cidadáns e empresas uns servizos públicos máis eficientes e máis próximos utilizando as novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións e mellorar a propia xestión interna da Xunta de Galicia. “
A responsable de Modernización indicou que a eAdministración é unha demanda desde o momento en que “todos os cidadáns son potenciais usuarios dela directa ou indirectamente en calquera dos seus ámbitos, local, autonómico ou estatal e esixen uns servizos de calidade sen distinción do nivel administrativo”. Tamén afirmou que esta demanda está xa recoñecida como unha necesidade ante o aumento dos servizos requeridos polos cidadáns e as empresas que “fan necesaria unha automatización da xestión pública, a introdución de sistemas transparentes de traballo, a utilización de medios telemáticos para manter uns tempos de resposta aceptables e a coordinación entre os distintos niveis administrativos”.
A secretaria xeral lembrou que o desenvolvemento da eAdministración “é xa un obriga” recollida polo Goberno estatal na lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Público, que supuxo un cambio significativos na Administración Electrónica en España ao sinalar que o servizo ao cidadán esixe consagrar o seu dereito a comunicarse coas entidades públicas a través dos medios electrónicos.
Nesta mesma liña se traballa desde a Unión Europea a través da “European Information Society i2010”, unha estratexia adoptada polos países membros que busca impulsar oportunidades para o crecemento económico e empregos en Europa a través da promoción dunha economía dixital aberta e competitiva. Entre os obxectivos globais desta estratexia, segundo explicou Mar Pereira, está o de conseguir unha Sociedade de Información Europea inclusiva que prioriza unha mellor calidade de vida e un mellor servizo público.
Áreas de actuación
O desenvolvemento da eAdministración implica, segundo explicou a secretaria xeral, actuar en áreas como as canles de acceso aos servizos, ofrecer a posibilidade da tramitación electrónica e a racionalización e simplificación de procedementos, ademais de fomentar o cooperación entre administracións. Nesta liña de medidas son fundamentais a sede electrónica ou portal do cidadán a través do que pode acceder a toda a información e servizos on-line e a posibilidade de elixir a canle de comunicación coa administración, que deberá prestar servizos a través de polo menos tres distintas.
Mar Pereira achegou datos do pasado ano do Observatorio Galego da Sociedade da Información que revelan a importancia da canle web na relación de cidadáns e empresas coa administración pública en Galicia. Así, durante 2009 o 53,3% dos galegos se comunicaron coa administración para obter información a través da web, o que sitúa a Galicia 5,6 puntos por riba da media estatal. Por outra banda, o 44,6% das empresas da Comunidade con máis de 10 empregados empregaron a rede para realizar unha xestión electrónica completa no último ano, tan só 0,8 puntos por debaixo da media estatal.
Colaboración coas administracións
Para a responsable de Innovación Tecnolóxica unha das claves para o desenvolvemento pleno da eAdministración “é a súa consolidación nos concellos galegos, xa que xogan un papel fundamental no achegamento ao cidadán”. Aínda que xa existen diversas iniciativas de eAdministración a nivel municipal, Mar Pereira subliñou a importancia da coordinación para aproveitar as experiencias, evitar a duplicidade de investimentos e facilitar medios para simplificar a xestión e un grao de soporte tecnolóxico óptimo. Unha das medidas xa adoptadas para avanzar na cooperación é a recente sinatura dun Protocolo de Colaboración entre a Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento da eAdministración.
A consecución da eAdministración suporá un paso máis cara o eGoberno, un concepto máis global que implica un novo modelo de relación entre Administración, cidadanía e empresas que inclúe o soporte completo a todos os procesos entre dispoñibles para os usuarios independentemente do lugar, momento ou canle de comunicación.
Sociedade da Información
A estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta de Galicia abarca un importante número de actuacións para situar á Comunidade no núcleo avanzado da sociedade da información. Entre as medidas previstas a secretaria xeral de Modernización enumerou na súa intervención o Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no 2010, que engloba o Plan Directo de Banda Larga, o Desenvolvemento do eGoberno, a dinamización do uso das TIC e o Plan Integral de Apoio ao sector TIC. Tamén citou a Axenda Dixital Local, un Plan Estratéxico para o desenvolvemento da Sociedade da Información no contexto das cidades.