Igualdade estrea un servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia

Luns 26 de Setembro de 2011

Igualdade estrea un servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia

É unha das novidades que incorpora desde hoxe o portal da Secretaría Xeral da Igualdade

As consultas a este novo servizo poden ser complementarias das que se realicen presencialmente na rede de 78 CIM distribuidos nas catro provincias

A Secretaría Xeral da Igualdade pon desde hoxe en funcionamento un servizo de asesoramento xurídico online, accesible a través do seu portal web Mulleres en Galicia www.mulleresengalicia.es, onde se ofrecerá información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias, concebido como unha ferramenta moi útil considerando que un asesoramento axeitado constitúe o primeiro paso para saír dunha situación de violencia de xénero.

O obxectivo deste servizo é facilitar ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axudarlles a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento. Son numerosos os casos de mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero que descoñecen os dereitos que as asisten, o xeito de abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso son determinantes para unha resposta xudicial máis efectiva.

O servizo xurídico online ofrecerá resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, garantindo o anonimato e a confidencialidade da usuaria. Clarexará cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado/a e de procurador/a ou que medidas urxentes pode solicitar.

O novo sistema online ten a funcionalidade de xerar un rexistro de información a partires dos datos relativos a cada consulta realizada, coa finalidade do seu posterior tratamento estatístico. Como resultado, disporase de información sobre parámetros como o número de consultas realizadas, temas obxecto de consulta, perfil das persoas usuarias, sexo, idade ou lugar de residencia.

As consultas a través deste servizo poden ser complementarias ás que se prestan de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia.

Renovación do portal

Este servizo xurídico online está enmarcado nunha serie de novidades que desde hoxe incorpora o portal de Igualdade, que inclúe unha aplicación de Google Maps que permitirá ás persoas usuarias localizar a ubicación dos CIMs e consultar todos os datos de contactos destes. O portal crea tamén novos espazos divulgativos, con microseccións para destacar perfís de mulleres que destacan como protagonistas da actualidade pola súa contribución profesional ou personal á igualdade e frases que son relevantes polo seu simbolismo como referencia na igualdade de oportunidades.

A páxina incorpora asemade un novo servizo que permitirá a subscripción aos boletíns informativos que edita a Secretaría Xeral da Igualdade para a súa recepción electrónica, amais da consulta de todos os números publicados.