Gobernanza dixital, sustentabilidade do investimento e talento centrarán as políticas de dixitalización das comunidades autónomas

Sábado 02 de Novembro de 2024

Gobernanza dixital, sustentabilidade do investimento e talento centrarán as políticas de dixitalización das comunidades autónomas

A Xunta participou no primeiro Encontro de Equipos TIC autonómicos que se celebrou en Madrid no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas
Os equipos encargados da transformación dixital discutiron sobre o futuro da modernización tecnolóxica tras o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR)

Aspectos como os novos modelos de gobernanza dixital, a sustentabilidade do investimento en tecnoloxías da información ou a xeración, atracción e retención de talento caracterizarán o futuro inmediato das políticas de modernización tecnolóxica das Comunidades Autónomas españolas. Estas son algunhas das conclusións do primeiro Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) autonómicos que se celebrou esta semana en Madrid e no que participou a Xunta de Galicia.

No marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas, os equipos de todos os territorios do Estado discutiron sobre o futuro deste ámbito tras o período expansivo que representou o Mecanismos de Recuperación e Resiliencia (MRR).

A Xunta estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.

Os expertos en dixitalización tamén abordaron aspectos como a xestión de provedores tecnolóxicos, a implantación de grandes sistemas de información, o funcionamento dos servizos de emerxencias ou o establecemento de convenios para a prestación de servizos de administración electrónica.

O encontro foi organizado pola Comunidade de Madrid e terá continuidade nos vindeiros anos, nos que corresponderá a outras Comunidades Autónomas organizalo.