Galicia rexistrou en 2010 máis de 285.000 notificacións telemáticas a través da aplicación LexNET que permite o intercambio seguro de información entre os axentes da xustiza
Lexnet permite de reducir os tempos de tramitación e resposta contribuíndo á eliminación da notificación en papel
Un total de 104 órganos xudiciais da Comunidade xa teñen implantado este sistema e está previsto completar o proceso ao longo de 2011
Durante os meses de marzo e abril iniciarase a implantación desta aplicación nos xulgados de Primeira Instancia de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense
Nos dous primeiros meses do ano o número de tramitacións a través Lexnet supuxeron xa o 41% do total das realizadas en 2010
O pasado ano realizáronse en Galicia un total de 285.000 notificacións telemáticas a través da aplicación Lexnet, unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que permite as notificacións de xeito telemático, a presentación de escritos e demandas utilizando a sinatura dixital. A aplicación promove a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta contribuíndo á eliminación da notificación en papel.
A aplicación Lexnet xa está operativa en 104 órganos xudiciais da provincia da Coruña. Durante os meses de marzo e abril iniciarase a implantación desta aplicación nos xulgados de Primeira Instancia de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense. Ao longo de 2011 completarase a súa implantación en todos os órganos xudiciais da Comunidade. Este proceso está acompañado de cursos de formación para os colectivos profesionais que empregan este sistema. A día de hoxe xa son preto de 1.000 os usuarios formados.
As actividades formativas están dirixidas ao corpo de funcionarios de xestión procesual, procuradores, avogados do Estado e da Axencia Tributaria. A formación estase a realizar nos xulgados e ten unha duración mínima de 5 horas por usuario repartidas en sesións de hora e media ou dúas. A formación no posto de usuario permite que sexa o máis funcional e operativa posible. Os calendarios de formación e a información sobre Lexnet están dispoñible na Intranet da Xustiza.
Beneficios
A implantación de Lexnet está a permitir unha redución das operacións de envío de notificacións, escritos ou copias de escritos así como dos desprazamentos. Ademais Lexnet garante a máxima fiabilidade na comunicación, ao facilitar aos usuarios un certificado do momento do envío do selado de data e tempo e ofrece todas as garantías de seguridade ao tratarse de redes pechadas con control de acceso e identificación de usuarios.
Funcionamento
O acceso a Lexnet realízase mediante un certificado dixital que permite a autentificación do usuario. O soporte físico do certificado dixital é unha tarxeta criptográfica elixida polo Ministerio de Xustiza e que ofrece máis seguridade que a súa instalación en cada PC. Ao introducir a tarxeta no PC o empregado accede a Lexnet identificándose como usuario autorizado do sistema e pode proceder ao proceso do envío que asinará dixitalmente.
O sistema Lexnet ten un funcionamento similar ao correo electrónico pero garante que o emisor da documentación é quen di ser; a confidencialidade e seguridade do sistema xa que só o receptor da documentación poder acceder á información e a integridade do contido do documento que non pode ser modificado durante o proceso.