Galicia lidera o ránking español de coñecemento e uso das ferramentas e aplicacións de e-sanidade por parte da cidadanía

Sábado 18 de Agosto de 2012

Galicia lidera o ránking español de coñecemento e uso das ferramentas e aplicacións de e-sanidade por parte da cidadanía

Son os resultados dun informe publicado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI)

Case un millón e medio de citas médicas foron solicitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde durante os sete primeiros meses deste ano

Segundo as áreas sanitarias, son os cidadáns de Vigo os que máis empregan a páxina web para solicitar as citas con Atención Primaria, seguidos dos da Coruña e de Santiago

A Consellería de Sanidade, ademais da petición de cita previa por internet, ten un total de 15 servizos públicos sanitarios en liña a disposición do cidadán

Galicia é a comunidade española cun maior nivel de coñecemento das ferramentas e aplicacións da e-sanidade, segundo os resultados dun informe elaborado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI) e recentemente publicado.

Os datos por comunidades autónomas determinan que Galicia é a comunidade cun maior nivel de coñecemento da receita electrónica cun 82,9%, ocupando Baleares a segunda posición cun 73%. Os cidadáns galegos tamén sitúan co grao máis alto de coñecemento ao sistema de cita previa por internet co 75,3%, seguidos de Andalucía co 65,6%. Ademais, Galicia está entre as cinco comunidades autónomas nas que o coñecemento da historia clínica electrónica supera o 80% e da teleasistencia 70,6%.

O informe da ONTSI sobre Os cidadáns ante a e-Sanidade, realizouse a través de enquisas en 2011 e avaliou aspectos como o perfil dos internautas que buscan información sobre saúde na rede, o número de usuarios máis activos buscando esta información, o tipo de información buscada, ou o coñecemento e uso das ferramentas postas a disposición do usuario, entre outros.

Cita previa a través de internet

A petición de citas de Atención Primaria a través de internet é o servizo máis consolidado e cada día son máis os cidadáns galegos que empregan esta ferramenta. En concreto, un total do 100% dos centros de Atención Primaria (é dicir, o 100% dos cidadáns galegos) dispoñen do servizos de citación por internet. Tamén máis do 87% dos centros de Atención Primaria poden citar telematicamente para Atención Especializada.

Case un millón e medio de citas médicas foron solicitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) durante os sete primeiros meses deste ano (xaneiro a xullo incluídos). 

  XANEIRO FEBREIRO MARZO ABRIL MAIO XUÑO XULLO TOTAL
Solicitadas 220.382 222.312 217.878 202.293 216.040 204.249 183.203 1.466.357

Segundo as áreas sanitarias, son os cidadáns de Vigo os que máis empregan a páxina web para solicitar as citas con Atención Primaria, seguidos dos da Coruña e de Santiago. Os cidadáns de Ferrol, Ourense e Ferrol son os que menos citas solicitan a través de internet.

 

  XANEIRO FEBREIRO MARZO ABRIL MAIO XUÑO XULLO TOTAL
ÁREA A CORUÑA 42.497 41.655 41.890 37.885 40.917 37.846 34.768 277.458
ÁREA FERROL 16.424 16.369 16.009 14.799 15.906 14.784 12.887 107.178
ÁREA LUGO 22.192 22.264 22.820 21.737 23.031 21.575 19.182 152.801
ÁREA OURENSE 24.833 24.508 24.848 22.308 23.185 22.404 19.696 161.782
ÁREA PONTEVEDRA 22.998 23.613 22.804 21.419 22.877 22.084 19.566 155.361
ÁREA SANTIAGO 39.773 40.546 39.971 37.557 39.884 38.722 35.357 271.810
ÁREA VIGO 51.665 53.357 49.536 46.588 50.240 46.834 41.747 339.967
TOTAL 220.382 222.312 217.878 202.293 216.040 204.249 183.203 1.466.357

A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a Consellería de Sanidade perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa Administración sanitaria. Este servizo compleméntase con outros servizos de acceso individualizado dos pacientes como consulta da súa situación persoal na lista de espera cirúrxica.

Do total de citas médicas solicitadas, o 9,47% son tramitadas a través da páxina web fronte a outras fórmulas como pode ser por medio do teléfono, ou dende o propio centro de saúde. Unha porcentaxe que crece cada ano, o que axiliza moito o traballo administrativo do propio centro de saúde e proporciona máis comodidade ao cidadán.

 

 ANO CITAS  Xaneiro Febreiro Marzo Abril Maio Xuño Xullo
 
 2012
 TOTAL 90.54% 90.36% 90.73%  90.39% 90.41% 90.54% 90.74%
 INTERNET  9.46%  9.64%  9.27%  9.61%  9.59%  9.46%  9.26%
 2011
 
 TOTAL  91.22%  91.68%  91.74%  91.66%  91.72%  91.88%  92.20%
 INTERNET  8.78%  8.32%  8.26%  8.34%  8.28%  8.12%  7.80%

15 servizos públicos en liña

A Consellería de Sanidade, ademais da petición de cita previa por internet, ten un total de 15 servizos públicos sanitarios en liña a disposición do cidadán.

 

DATOS XANEIRO-AGOSTO 2012
% citas previas en AP 9.47%
% cidadáns que fan uso cita previa por internet 19.40%
Nº citas AP concertadas telemáticamente para AE 438.718
Nº centros de saúde que poden citar telemáticamente para AE 400
Nº accesos á consulta individualizada de listas de espera 8.784

Toda a información relacionada e relevante para os pacientes está agrupada no Espazo +Cidadanía, ubicado na páxina www.sergas.es, onde están dispoñibles para a súa realización os trámites mencionados anteriormente e tamén outros como a solicitude da tarxeta sanitaria a través de internet, así no que levamos de ano solicitáronse 200 tarxetas e realizáronse 278 cambios de médico.

Tamén se solicitaron un total de 430 tarxetas de doadores a través da web, recibíronse 637 peticións de subscrición ao servizo de alertas, tramitáronse durante o que levamos de ano un total de 4.566 reclamación e suxestións dos usuarios do Sistema Sanitario Galego, e constan un total de 2.100 documentos de instrucións previas inscritos no Rexistro Galego de Instrucións Previas.

Con respecto da Historia Clínica Electrónica, os cidadáns poden consultar os informes de alta de hospitalización e tamén o seu historial farmacoterapéutico, en concreto, o histórico de dispensacións, as follas de medicación activa, e o plan de dispensacións.

Ademais, a cidadanía ten a disposición outros servizos neste espazo como a solicitude de recordatorio de citas por SMS, a posibilidade de participar na Escola Galega de Saúde para cidadáns, ou acceso a información específica como os indicadores para a cidadanía así como buscadores e información de centros e infraestruturas hospitalarias.