Galicia incrementa o número de usuarios de internet en máis de 113.100 persoas nos últimos catro anos

Martes 08 de Xullo de 2025

Galicia incrementa o número de usuarios de internet en máis de 113.100 persoas nos últimos catro anos

Preto do 94% dos galegos e galegas empregaron a rede en 2024
A contratación deste servizo creceu en máis de 55.200 fogares desde 2021 e xa
está presente no 95,5% das vivendas galegas
Destaca o aumento rexistrado nos concellos de menos de 5.000 habitantes, onde
os fogares con internet contratado superan, por primeira vez, o 90%
As conexións superiores a 100 Mbps xa están presentes en máis do 65% dos
fogares, fronte ao 30% rexistrado en 2021
Máis do 67% dos galegos e galegas compran online e o 86,6% realizan as súas
xestións coas administracións de xeito electrónico

Un total de 113.114 persoas incorporáronse ao uso de internet en Galicia entre 2021 e 2024. Nese mesmo período os fogares con internet contratado incrementáronse en 55.208 e son xa o 95,5% do total das vivendas galegas. Os incrementos máis significativos rexístranse nos indicadores nos que Galicia presentaba os valores máis baixos, como nos concellos de menos de 5.000 habitantes, onde a contratación de internet nos fogares crece un 11,6% e sitúase por primeira vez por riba do 90%; e no uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos, que roza o 75%, cun aumento de máis dun 13% respecto ao ano pasado. 
Estas datos, recollidos no estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2024, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia con base na Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, 
reflicte o crecemento sostido da Comunidade cun aumento xeneralizado no uso de Internet, na contratación de conexións de maior velocidade e na incorporación de novos dispositivos e hábitos dixitais.


Uso de internet e velocidade das conexións 
Preto do 94% dos galegos e galegas empregaron internet nos últimos tres meses en 2024. O uso da rede é practicamente universal nas franxas de idade dos 16 aos 44 anos, supera o 98% entre os 45 e os 54 anos e segue crecendo entre os 55 e os 64 anos, onde acada o 93,2% e, entre os 65 e o 74, rozando o 75%. Cómpre destacar que Galicia incrementou os usuarios activos de Internet nun 5% dende o ano 2021, fronte ao 2% do conxunto de 
España e o 4,3% da Unión Europea. 
Ademais do incremento de fogares con internet contratado, o estudo sinala un aumento significativo na contratación de conexións de alta velocidade: o 65,2% dos fogares conta con conexións superiores aos 100 Mbps, fronte ao 30% de 2021; e un 86,3% dos fogares dispón de internet de máis de 30Mbps.


Dispositivos dixitais e uso 
O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet (smartphone). O 95,7% da poboación galega emprega un smartphone. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos, mentres que entre as persoas maiores de 65 anos sitúase no 83,4%. 
O 80,7% dos fogares dispoñen dun ordenador de sobremesa, portátil ou tablet, destacando o portátil como tipo de ordenador máis común (60,8%). As televisións intelixentes xa están presentes no 59,1% das vivendas, o que supón un incremento do 6,7% respecto a 2023 e dun 35,2% desde 2021. Tamén aumenta a presenza de altofalantes dixitais nos fogares, que xa se sitúa no 16,5%, un 6,5% máis que o ano anterior. 
As actividades dixitais máis frecuentes inclúen a busca de información sobre bens e servizos (92,6%), as videoconferencias (92,6%), a lectura de noticias en liña (85,5%) e o uso da banca electrónica (81,6%). 
Compras, administración electrónica e ciberseguridade O 67,4% da poboación galega mercou por Internet en 2024, cun incremento do 5,5% no último ano. O uso da administración electrónica en Galicia tamén continúa medrando e xa a empregan o 86,6% dos internautas. En canto á ciberseguridade, o 17% dos galegos declarou ter sufrido algún incidente no último ano.


Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital na seguinte ligazón: www.osimga.gal