Galicia incorpórase ao Sistema de Intelixencia Turística para sumar novas tecnoloxías intelixentes na planificación do destino

Martes 22 de Xullo de 2025

Galicia incorpórase ao Sistema de Intelixencia Turística para sumar novas tecnoloxías intelixentes na planificación do destino

Mediante un protocolo asinado pola Xunta e a Sociedade Estatal para a Xestión das Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur)
Deste xeito, contribuirase a que os destinos galegos melloren a súa xestión e sexan máis competitivos ao poder acceder aos datos que forman parte deste sistema
A Xunta promoverá a formación e capacitación do sector, impulsaranse conferencias e seminarios especializados para promover a extensión deste modelo na comunidade

A Xunta de Galicia e a Sociedade Estatal para a Xestión das Innovacións e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR) asinaron hoxe en Santiago de Compostela un protocolo de actuación para impulsar o modelo de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) nesta Comunidade, que permite a incorporación de Galicia ao Sistema de Intelixencia Turística (STI). O acordo foi subscrito polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, co obxectivo de impulsar a participación da comunidade galega tanto no modelo DTI como no Sistema de Intelixencia Turística (SIT).

Mediante o acordo, entre outras cousas, Galicia poderá acceder aos datos que forman parte do SIT ao tempo que poderá tamén traballar no desenvolvemento e integración doutros datos de fontes de información pertinentes para a xestión do destino Galicia, ao tempo que impulsa a transformación dixital dos destinos e zonas turísticas galegas.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a importancia da firma deste acordo que permitirá o tratamento ordenado dos datos turísticos que se recompilen. Esta acción alíñase co traballo desenvolto xa na Xunta de monitorización a través de ferramentas propias como o cadro de mandos ou a instalación de sensores no Camiño, oque “nos facilitará planificar e xerar políticas en materia turística que contribúan a seguir avanzando nas nosas liñas estratéxicas de deslocalización e desestacionalización da oferta turística de Galicia”.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou o grado de consolidación nesta Comunidade do Sistema de Intelixencia Turística en aspectos como a caracterización da demanda ou a análise da rendibilidade económica do sector, así como a posta en marcha da dixitalización dos itinerarios do Camiño de Santiago, que vai permitir a virtualización deste importante recurso turístico baixo o concepto de xemelgo dixital.

O presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, destacou que a firma deste acordo supón un impulso e coordinación do modelo de destinos turísticos intelixentes, deseñado pola Secretaría de Estado de Turismo, o que contribuirá á unha mellora da xestión dos destinos turísticos, que sen dúbida repercute na competitividade das empresas, na mellora da experiencia dos turistas e na calidade de vida dos residentes.

Actuacións

Entre as actuacións previstas inclúese o deseño e desenvolvemento dun programa de traballo conxunto en materia de DTI para promover a extensión do modelo na comunidade, así como a incorporación de Galicia ao SIT, un instrumento baseado na análise exhaustiva de distintas fontes de información desenvolto exclusivamente por SEGITTUR.

Así mesmo, ambas as partes promoverán conxuntamente a formación e capacitación, realización de conferencias e seminarios especializados para a ampla difusión do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes e/o do Sistema de Intelixencia Turística (SIT) na Comunidade Autónoma de Galicia.