Galicia convértese ata o venres no epicentro do debate sobre os retos da ciberseguridade

Mércores 05 de Novembro de 2025

Galicia convértese ata o venres no epicentro do debate sobre os retos da ciberseguridade

Profesionais do sector compartirán no V Encontro Galego de Ciberseguridade prácticas para afrontar con éxito o reto que supoñen as novas formas de delincuencia na rede
A Administración galega recibe cada segundo 7,5 intentos para causar dano aos seus sistemas
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fai un enfoque transversal da ciberseguridade, con estratexia e servizos coordinados


Galicia convértese ata o venres no epicentro do debate sobre os retos da ciberseguridade. A ciberdelincuencia é a maior ameaza para a transformación dixital, ao por en risco a convivencia, a seguridade, os bens materiais e a integridade física. Durante tres días, nomeados profesionais do sector compartirán prácticas para afrontar con éxito o reto que supoñen as novas formas de delincuencia na rede.

A Xunta é consciente da magnitude do problema, xa que os seus sistemas de seguridade bloquearon en 2024 máis de 237 millóns de intentos de ataque, o que significa que a Administración galega recibe cada segundo 7,5 intentos para causar dano aos seus sistemas. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a clausura da xornada inaugural do Encontro CIBER.gal 2025.

Fronte a esta ameaza, as Administracións públicas son responsables de garantir os sistemas cos que xestionan datos da cidadanía e proporcionan servizos. A Xunta afronta este desafío cunha visión transversal desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que achega visión estratéxica e servizos de ciberseguridade coordinados, explicou Miguel Corgos.

Ante esta ameaza, ademais, é prioritario concienciar e crear confianza na cidadanía sobre o uso seguro das tecnoloxías, así como poñer a disposición das persoas e as empresas información e ferramentas para a seguridade dos sistemas de protección de datos. Para isto en Galicia se opta, afirmou o conselleiro de Facenda, pola colaboración público-privada. Deste xeito naceu, xa no 2012, o nodo CIBER.gal, que aglutina a máis de 50 empresas e institucións.  

Miguel Corgos puxo tamén en valor o acordo marco de colaboración de ata 29 millóns de euros que permite que as entidades locais e as universidades utilicen sistemas e ferramentas de seguridade proporcionados pola Administración autonómica. No 2025, un total de 105 concellos e as catro deputacións utilizaron estes sistemas para identificar e cualificar riscos e ameazas, unha cifra catro veces superior á do ano anterior.

A dispersión poboacional de Galicia presenta retos específicos de mobilidade, por iso a Xunta lidera os aspectos da ciberseguridade no transporte nun proxecto conxunto con Cataluña e a Comunidade valenciana, o Proxecto RETECH, para a creación dun Centro de Innovación en Competencia no ámbito da ciberseguridade, do que Miguel Corgos adiantou que xa se asinaron os contratos que van activar a posta en marcha dun laboratorio e centro demostrador transversal. Estas dotacións situarán a Galicia na vangarda da seguridade aérea de vehículos non tripulados, ou na seguridade e fiabilidade dos vehículos autónomos terrestres.

Para o conselleiro, Galicia ten outros retos específicos relacionados coa conectividade, cos servizos sociais ou coas actividades do sector primario, polo que o obxectivo é afrontar eses retos tendo en conta as implicacións relacionadas co territorio, concentrando medios e coñecemento; ademais de crear, manter e atraer talento dixital.

Miguel Corgos aproveitou para confirmar que o vindeiro ano rematarase o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia en Ourense (CECIGA), co que se reforzará a ciberseguridade na Administración pública, a cidadanía e as empresas, apoiarase a innovación no sector produtivo e impulsarase o desenvolvemento do talento especializado en ciberseguridade.

CIBER.gal
O V Encontro Galego de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Nodo CIBER.gal, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), reúne a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional, entre eles Bernardo Quintero, Bernardo Viqueira, Rosa Díaz ou Javier Candau, así como representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do Ministerio de Transformación Dixital, que achegarán a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital.

Durante os tres días, grazas á colaboración do INCIBE, o público poderá gozar da experiencia itinerante Road Show e visitar un expositor de ciberseguridade interactivo, pensado para achegar coñecementos e boas prácticas a todo tipo de públicos.

Durante a última xornada celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole! dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais  e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.