Galicia, Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Estremadura e Murcia comparten recursos para facilitar o acceso da cidadanía a capacitación dixital

Venres 07 de Febreiro de 2025

Galicia, Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Estremadura e Murcia comparten recursos para facilitar o acceso da cidadanía a capacitación dixital

O sete gobernos autonómicos veñen de renovar un acordo para aglutinar esforzos e desenvolver contidos para a acreditación de coñecementos dixitais
Galicia foi das primeiras comunidades contar cun marco propio en competencias dixitais e ten en marcha un plan formativo para que o 70% dos galegos acaden o nivel básico neste eido en 2025
Máis de 1.000 persoas estanse a formar na Rede CeMit para obter a certificación e xa están programadas as probas deste ano para empregados públicos e alumnado

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, vén de asinar un novo acordo coas Comunidades de Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Estremadura e Murcia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. O convenio, recolle o compromiso dos sete gobernos autonómicos de aglutinar esforzos e evitar duplicidades para facilitar o acceso de toda a cidadanía á acreditación en competencias dixitais.

O primeiro convenio, asinado en 2021, foi clave en Galicia para desenvolvemento da plataforma de certificación, así como para a elaboración dos contidos das probas para obter a acreditación en competencias dixitais. Este novo acordo establece catro espazos de colaboración entre comunidades: un para coordinar temas relativos á autodiagnose das competencias dixitais; un segundo espazo centrado na formación; o terceiro para as cuestións relativas á certificación, e un cuarto espazo para colaborar na promoción e difusión das competencias dixitais a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas.

 

Primeira comunidade con marco propio en competencias dixitais

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao Marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas de dominio. As acreditacións fóronse implantando inicialmente no ámbito educativo e no sector público autonómico e en 2024 convocáronse as primeiras probas para a cidadanía.

Para este 2025 están xa fixadas as probas para a obtención do certificado nos tres ámbitos e máis de 1000 persoas estanse a formar nos niveis de iniciación e intermedio que oferta a Rede de aulas públicas CeMIT.

 

O 70% dos galegos con competencias dixitais básicas no 2025

O 64,1% dos galegos ten competencias dixitais básicas ou avanzadas e o obxectivo da Xunta é que esa porcentaxe se amplíe ao 70% en 2025. Por iso, unha das últimas iniciativas que puxo en marcha a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para facilitar a capacitación en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos.

O programa “Formación Dixital”, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation de la Unión Europea), ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, cunha duración máxima de 10 semanas con titorías personalizadas con especialistas.

Este itinerario formativo súmase á capacitación gratuíta que se ofrece a través da Rede CeMIT e en colaboración con outras entidades e voluntarios, para facilitar a adquisición de competencias dixitais e ampliar as oportunidades da cidadanía, o acceso ao emprego e a redución das fendas dixitais.