Galicia avanza como rexión especializada na seguridade da información coa apertura do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade

Martes 30 de Xuño de 2026

Galicia avanza como rexión especializada na seguridade da información coa apertura do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade

Durante a inauguración, o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que este centro permitirá prestar servizos avanzados en ciberseguridade, potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras e formar a profesionais
Incidiu en que Galicia debe aproveitar a oportunidade que representan as tecnoloxías para vertebrar o territorio e achegar a Administración e os servizos públicos a toda a cidadanía

Galicia dá un paso máis cara a unha transformación dixital adaptada ás necesidades do territorio coa posta en marcha do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade que estará situado provisionalmente no GaiasTech, ata o remate da construción do CECIGA, en Ourense.

Durante o acto de inauguración, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou que este centro permitirá prestar servizos avanzados en ciberseguridade, apoiar o cumprimento normativo, realizar probas e validacións en produtos e servizos, potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras e formar a profesionais.

Para acadar estes obxectivos, a nova instalación conta con dous laboratorios: un centrado en produtos con elementos dixitais e outro orientado á protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.

O conselleiro lembrou que entre os principais retos da ciberseguridade en Galicia atópanse “a gobernanza tecnolóxica e a resiliencia e a Administración cento por cento dixital, coa universalización dos trámites en liña, a creación de servizos proactivos e cunha Administración máis eficaz, máis personalizada e máis accesible, garantindo a seguridade en todo o proceso de relación da cidadanía coa Administración”.

Referiuse tamén á necesidade de que se garantan os principios éticos e a protección dos dereitos no uso das tecnoloxías que se alimentan de datos; a desenvolver un territorio conectado cun uso universal das tecnoloxías plenamente seguro, e a impulsar a seguridade e dixitalización do tecido produtivo de Galicia.

Destacou que estas instalacións son un exemplo de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade. “Un ámbito cada vez máis importante e ao que dedicamos cada vez máis recursos”, dixo, subliñando que, desde o ano 2022, a Xunta leva investidos na Administración autonómica en torno a 45 millóns en actuacións de ciberseguridade.

Logo de resaltar que este proxecto forma parte da iniciativa RETECH, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGeneration-EU, Miguel Corgos concluíu facendo fincapé en que Galicia pode e debe aproveitar a oportunidade que representan as tecnoloxías para vertebrar o territorio, achegar a Administración e os servizos públicos a toda a cidadanía, igualar as oportunidades no rural e, desta maneira, aproximarse a Europa e o mundo.