Feijóo resalta que a reestruturación das delegacións da Xunta permitiu aforrar 15 millóns de euros en dous anos e reducir nun 12,5 por cento o tempo medio de tramitación de expedientes

Xoves 07 de Xullo de 2011

Feijóo resalta que a reestruturación das delegacións da Xunta permitiu aforrar 15 millóns de euros en dous anos e reducir nun 12,5 por cento o tempo medio de tramitación de expedientes

Destaca que a nova estrutura permitirá “aforrar 30 millóns de euros nunha lexislatura” e acadou un incremento do 4% nos expedientes tramitados entre 2008 e 2010

Salienta que “Galicia foi pioneira” na reforma “necesaria” da administración periférica, pondo de manifesto que se pode traballar por “diminuír dunha forma clara, evidente e irreversible a estrutura de altos cargos nas administracións periféricas”

Subliña que a redución do 90% dos altos cargos da administración periférica non prexudicou o servizo público que se presta nas delegacións territoriais

“A Xunta conta neste momento cunha estrutura máis concentrada, máis reducida, máis próxima e máis operativa”, explica

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, na rolda de prensa posterior ao consello da Xunta, que a nova estrutura periférica do Executivo autonómico, que reduciu as delegacións provincias de 52 a 5 e as xefaturas de servizo de 302 a 275, supuxo un aforro de “15 millóns de euros en dous anos” e a redución do tempo medio de tramitación dos expedientes nun 12,5%.

Neste sentido, Feijóo destacou que a nova estrutura permitirá “aforrar 30 millóns de euros nunha lexislatura”, ao tempo que dividiu os 15 millóns xa aforrados entre diminución da estrutura directiva cos correspondentes “custos das nóminas dos delegados e nas secretarias e persoal de libre designación” -12,3 millóns- e redución de alugueres, de parque móbil ou de dietas -3 millóns-.

Así mesmo, a nivel operativo Feijóo avanzou un incremento do 4% nos expedientes tramitados entre 2008 e 2010. Deste xeito, o presidente galego lembrou que “nas cinco delegacións entran cada día 8.300 persoas, que hoxe son atendidas en menos tempo, e con menores recursos burocráticos que antes, o que significa que podemos e debemos seguir traballando dentro da austeridade que marcamos desde o primeiro día de Goberno”.

Galicia, pioneira 
Baixo este marco, Feijóo salientou que “Galicia foi pioneira” na reforma “necesaria” da administración periférica, pondo de manifesto que se pode traballar por “diminuír dunha forma clara, evidente e irreversible a estrutura de altos cargos nas administracións periféricas”.

Así, Feijóo explicou que o informe dado a coñecer no Consello da Xunta mostra unha redución do 90% dos altos cargos da administración periférica, feito que non prexudicou o servizo público que se presta nas delegacións territoriais. “A Xunta conta neste momento cunha estrutura máis concentrada, máis reducida, máis próxima e máis operativa”, incidiu Feijóo.

Deste xeito, e segundo explicou o presidente galego, supéranse “os localismos e a percepción sectorizada que presentaba o sistema anterior”, convertendo aos cinco delegados no “vínculo directo de todos os cidadáns coa administración autonómica e os seus servizos centrais”.

Así, “o 31% da axenda dos delegados territoriais dedicouse á interlocución cos particulares e co tecido produtivo do seu ámbito territorial”, destacou Feijóo, namentres que o 19% implicou “interlocución coas corporacións locais”. Outro 36% da axenda se centrou en exercer a representación oficial da Xunta de Galicia no seu ámbito territorial, e o 14% restante abordou a coordinación entre a administración autonómica e as administracións das corporacións locais.

No que se refire ao papel de intermediación, Feijóo subliñou que “os delegados foron pezas importantes para axilizar determinadas decisións ou planes de Goberno –o Plan Impulsa en Lugo ou en Ourense-, as tarxetas de transporte metropolitano, o novo hospital vigués, o plan de infraestruturas hidráulicas ou a área metropolitana de Vigo”.

Ademais, os delegados actuaron tamén como “interlocutores para equipamentos sociais, para execución de obras e para solo empresarial de Galicia”, facendo un seguimento total de “20.045 actuación cun volume de inversión de 5.200 millóns de euros”.

Un 30 por cento máis para a innovación empresarial
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentou dous novos programas destinados a fomentar a innovación no sector empresarial, dotadas “con máis recursos e con máis accesibilidade e axilidade”, e que teñen como obxectivos fundamentais conseguir a “triple hélice” que forman as universidades, os centros públicos e as empresas funcione “de forma coordinada”, así como “romper o desequilibrio entre o investimento en I+D nas empresas (29%) e nas Administracións (71%)”.

O xefe do Goberno galego informou de que as iniciativas aprobadas hoxe polo Consello supoñen un investimento de 11 millóns de euros, o que supón un incremento do 30% con respecto ao anterior exercicio, “o que nestes tempos de dificultade económica non é doado”. Ademais, sinalou que os recursos serán máis accesibles porque se autorizan anticipos do 80%, e máis áxiles porque se poderán tramitar todos de forma telemática.

Trátase, concretou, por unha banda, do programa de apoio ao crecemento empresarial, que ten 8 millóns de euros e ten tres posibles destinatarios: as propostas individuais ou cooperativas que representen algunha novidade ou mellora substancial na empresa, que poden acadar un financiamento dun 35% para as pequenas empresas, un 25% para as medianas e un 15% para as grandes. O segundo enfocado ás empresas para a presentación dos novos proxectos para convocatorias de axudas estatais e internacionais acadando unha financiación do 70% para as pemes e un 60% para as grandes empresas. E o terceiro destinado ao clúster ou plataformas tecnolóxicas con obxectivo de potenciar a súa axenda estratéxica no eido do I+D.

Doutra banda, Feijóo remarcou que o segundo programa está dotado con 2,7 millóns de euros, e financiará recursos materias específicos para decisións innovadoras cunha cobertura do 50% para as pequenas empresas, un 40% nas medianas e ata un 30% nas grandes.