Feijóo avanza o novo Plan de modernización 2014-2016 que permitirá xestionar na rede o 100% dos trámites e completar a dixitalización das oficinas de rexistro
Destaca a consolidación do nodo de interoperabilidade e a posta en marcha do arquivo dixital como outros obxectivos do plan
Resalta que máis de 9.000 empregados públicos dispoñen da acreditación dixital que lles permite asinar documentos de xeito electrónico
Afirma que hoxe, máis do 68 % dos trámites entre a Xunta e os concellos de Galicia son electrónicos, cando no ano 2009 eran cero
Salienta, tamén, a aprobación esta mañá do Plan Achega que simplificará e axilizará máis de 900 procedementos administrativos para cidadáns en empresas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras o Consello da Xunta, o deseño dun novo Plan de modernización que permitirá evolucionar e consolidar as medidas desenvolvidas desde 2010 cara a unha verdadeira administración electrónica; unha folla de ruta para seguir afondando na administración electrónica e na modernización da Administración autonómica. “En definitiva, imos proseguir co obxectivo de ter unha Xunta máis eficiente, con cada vez menos papeis e aberta as 24 horas, os 365 días do ano. É dicir, unha Xunta máis útil aos cidadáns, menos custosa e que preste máis servizos públicos”, afirmou.
Como retos para o período 2014-2016, Feijóo destacou que o novo plan establece como obxectivo prioritarios completar a simplificación dos procedementos administrativos, para que a relación de calquera cidadán coa Xunta se poida facer vía internet e con menos trámites (pasar do 4% dos trámites que se podían xestionar online en 2010 ao 100% no ano 2016); implantar o sistema de rexistro único nas 500 oficinas de rexistro; e poñer en marcha o servizo de notificacións electrónicas.
Durante a rolda de prensa, o presidente autonómico asegurou que implantar o sistema de rexistro único e a dotación de medios para as funcións de dixitalización e compulsa electrónica nas 500 oficinas de rexistro -180 da Administración autonómica e 320 concertadas coas entidades locais- permitirá que calquera documento que entre nestas unidades sexa dixitalizado, para conformar o expediente administrativo dixital e eliminar o uso do papel.
Dentro desta actuación, integrarase o rexistro autonómico co rexistro da Administración xeral do Estado; un factor fundamental para que os cidadáns poidan resolver as súas xestión coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.
Así mesmo, o novo plan traballará na posta en marcha do servizo de notificacións telemáticas, que permitirá a calquera persoa física ou xurídica recibir as notificacións administrativas, en lugar do tradicional correo certificado e coa mesma validez legal e todas as garantías de seguridade.
No tocante a este punto, Feijóo precisou que o obxectivo é acadar en 2016 as 20.000 notificacións electrónicas efectuadas.
Segundo o titular da Xunta, este novo proxecto prevé tamén a simplificación do acceso á administración electrónica para incrementar ata os 50.000 os trámites e consultas que se realizan de xeito telemático. Será a través do sistema Chave 365, que permitirá o acceso aos servizos dixitais sen necesidade dun certificado dixital e, para simplificar a xestión das empresas crearase unha plataforma global de subvencións e un rexistro único empresarial.
A consolidación do nodo de interoperabilidade será, tal e como explicou o presidente da Xunta, outra das liñas de acción para os vindeiros tres anos. A implantación en 2011 do portal Pasaxe en todas as consellerías, permite xa eliminar a petición de documentación básica como DNI e o certificado de empadroamento; e o obxectivo é que no 2014 se elimine a petición doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, o certificado de discapacidade, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias.
No tocante á posta en marcha do Arquivo dixital e do modelo de xestión documental, Feijóo afirmou que garantirá os criterios de clasificación, accesibilidade, vixencia e custodia da documentación no novo contexto dixital.
A modo de balance, Feijóo lembrou que a Xunta investiu, nos últimos tres anos, 15 millóns de euros no desenvolvemento das medidas previstas no Plan de Modernización 2010-2013. E grazas a estas actuacións os cidadáns e empresas poden, a día de hoxe, xestionar online na sede electrónica da Xunta máis de 600 trámites (preto do 40% total, fronte ao 4% dispoñibles en 2010).
Ademais, preto do 57% das axudas e subvencións se poden iniciar telematicamente. De feito, no 2013, máis de 17.000 cidadáns e empresas realizaron os seus trámites a través da rede (cinco veces máis que en 2012).
Outro dos fitos importantes no proceso de modernización da Administración, foi a configuración do Sistema de Información Único de Rexistro implantado en 35 oficinas de rexistro, que xestiona máis do 50% do volume actual de rexistros de entrada e saída. A súa posta en marcha evitou aos cidadáns a presentación de máis dun millón de copias do seu documento nacional de identidade, así como máis de 18.000 certificados de empadroamento, entre outros documentos.
Así mesmo, e para avanzar cara a eAdministración, Feijóo incidiu en que é fundamental dotar aos empregados públicos das ferramentas adecuadas para adaptar o seu traballo aos requirimentos do novo escenario dixital. E, neste sentido, fixo referencia ao Proxecto Kronos, que acredita dixitalmente ao empregado público e permite a sinatura dixital de documentos. Actualmente o persoal acreditado supera os 9.200 traballadores da Xunta de Galicia.
O Plan de Modernización abrangue tamén a formación dos empregados públicos e, desde a súa posta en marcha, ofertou máis de 12.500 horas de formación ofimática presenciais ou de teleformación. “E, tamén temos logrado unha mellor presenza da Xunta na rede, de maneira que se pasou de 304 portais en 2010 a 235 na actualidade. É dicir, menos portais e máis eficientes”, engadiu o presidente da Xunta.
Así mesmo, hoxe, máis do 68 % dos trámites entre a Xunta e os concellos de Galicia son electrónicos, “cando no ano 2009 eran cero”.
Plan Achega
Nesta mesma liña, Feijóo destacou tamén a aprobación esta mañá do Plan Achega, un plan de axilización administrativa que permitirá seguir reducindo cargas e tempos nos trámites que cidadáns e empresas teñan que facer coa Xunta, e que culminará coa simplificación e mellora de máis de 900 procedementos administrativos que están sendo obxecto de auditoría.
Un dos eixos centrais do Plan Achega será potenciar a sede electrónica da Xunta mediante a culminación da incorporación de todos os procesos administrativos que o Executivo galego pon a disposición da cidadanía. A día de hoxe xa se permite o acceso a través da rede a 605 procedementos, pero aínda quedan 958 para chegar á totalidade. “O obxectivo é que neste 2014 o 100% dos procedementos se podan iniciar a través da internet”, incidiu.
A través do Plan Achega impulsarase a eliminación dos documentos que progresivamente se incorporen na plataforma de interoperabilidade; “é dicir, non se lle pedirá novamente ao cidadán documentos que a Xunta debe ter como, por exemplo, certificados de nacemento, defunción, matrimonio ou familia numerosa, o domicilio fiscal, a alta na Seguridade Social, os títulos universitarios ou a confirmación de estar ao corrente do pago das obrigacións tributarias”.
O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que, unha vez que culmine o plan, máis de 900 procedementos terán sido revisados, simplificados, reducidos os seus prazos, eliminadas as súas cargas inxustificadas e postos a disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta.