Farjas asegura que este ano todos os profesionais terán acceso á historia clínica electrónica e á E-receita

Mércores 27 de Abril de 2011

Farjas asegura que este ano todos os profesionais terán acceso á historia clínica electrónica e á E-receita

A conselleira de Sanidade apostou no Parlamento por unha Atención Primaria con maior capacidade de resolución, con mellores infraestruturas e con maior dotación tecnolóxica

Avoga por seguir aumentando a eficiencia, calidade e eficacia no traballo dos profesionais e introducindo ferramentas que faciliten a integración asistencial e reduzan os tempos de resposta no diagnóstico e tratamento

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, expuxo hoxe no Parlamento de Galicia os avances realizados no eido da Atención Primaria esta lexislatura, entre os que salientou que xa está practicamente completada a dotación de equipamento informático que permitirá que neste ano todos os profesionais teñan acceso á historia clínica e receita electrónica.

Segundo explicou, co obxectivo de aumentar a capacidade de resolución dos problemas de saúde no ámbito da Atención Primaria, puxéronse en marcha plans de dotación tecnolóxica e formación para que en todos os centros de saúde se poidan realizar técnicas de cirurxía menor, teledermatoloxía, citoloxías preventivas de colo de útero, espirometrías, doppler e monitorización de presión arterial. Ademais, nalgúns centros, xeralmente cabeceiras de servizo, tamén se fan ecografías e retinografías. No terreo da integración asistencial, o Servizo Galego de Saúde segue a traballar na implantación das vías rápidas e procesos asistenciais.

Provincia de Pontevedra
Así, no que atinxe á Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra, cómpre destacar o traballo realizado na redistribución de cupos, grazas ao que puideron equilibrarse tanto os dos médicos de familia como dos pediatras.

Durante 2010, todos os centros desta área sanitaria incrementaron a súa carteira de servizos. Xeneralizouse o programa de citoloxías preventivas, o seguimento do embarazo e a realización de espirometrías nos centros con máis de dous médicos; púxose en marcha a realización de retinografías en 4 centros; xeneralizouse o programa de cirurxía menor; implantouse a teledermatoloxía na área do Salnés; e estendeuse o programa de tratamento con anticoagulantes orais (TAO) á modalidade na que se fai todo no centro de saúde.

No referente ao equipamento, 12 centros dotáronse con desfibriladores; todos os centros con máis de 2 médicos recibiron espirómetros; 16 centros obtiveron electrocardiógrafos; distribuíronse tensiómetros dixitais a 37 centros; e adquiríronse retinógrafos para 2 centros. Ademais, 2 centros dispuxeron de novos ecógrafos, aos que se sumarán 4 máis este ano.

En 2011, na área sanitaria de Pontevedra poranse en marcha retinografías en 4 centros, ecografías en 7 centros, a teledermatoloxía na área do CHOP e incrementarase o número de centros con monitorización ambulatoria de tensión arterial.

Pola súa banda, na Xerencia de Atención Primaria de Vigo incrementouse a carteira de servizos en todos os seus centros de saúde, un total de 50. Neste sentido, engadiuse aos servizos existentes a citoloxía de cervix en 19; descentralizouse a anticoagulación oral en 3; púxose en marcha a teledermatoloxía en 34; e a dermatoscopia e teledermatoscopia en 7. Ademais, 6 centros máis realizan ecografías, e 2 máis cirurxía menor; 16 centros incorporaron espirometrías; e coa posta en funcionamento de 3 retinógrafos xa se poden realizar retinografías en 6 centros.

Respecto ao acceso a probas diagnósticas, durante o 2010 puxéronse en marcha os protocolos para a petición de mamografías e colonoscopias no marco das vías rápidas de cancro de mama e colon. Así mesmo, coa sala de radioloxía de Val Miñor dáse servizo a catro centros.

Nos próximos meses finalizará a xeneralización a citoloxía preventiva en todos os centros, incorporarase un centro máis ao programa de anticoagulación oral e levarase a teledermatoloxía aos 12 centros que quedan e a dermatoscopia e teledermatoscopia a outros 14. Ademais, disporase de ecografía en 3 novos centros e poranse en funcionamento 3 novos retinógrafos. Por último, este ano estará dispoñible o acceso protocolizado para toda a área de Vigo á resonancia magnética, Tac e estudios electrofisiolóxicos; e implementarase a petición electrónica de probas radiolóxicas e análises clínicos.

Provincia da Coruña
Na Xerencia de Atención Primaria da Coruña incrementouse o equipamento nun 84,5% dos centros, e a carteira de servizos dun 66,2%, con teledermatoloxía, retinografía dixital, cirurxía, monitorización de presión arterial, espirometrías, dermatoscopia, audiometría, doppler vascular e ecografías.

Nesta área, a historia clínica electrónica e o sistema IANUS están implantados ao 100%, o que fixo posible unha diminución das citas administrativas dun 40,6%, e un aumento das de programas asistenciais -relacionadas co incremento da carteira de servizos- dun 149%. Ademais, o pasado mes acadouse a accesibilidade dende Atención Primaria a todas as probas complementarias.

Neste eido xeográfico tamén se estendeu a anticoagulación oral a 9 centros no ano 2010 –aos que se sumaron 3 máis este ano-, e desenvolvéronse 2 vías rápidas, a de cancro colorrectal e cancro de pulmón, e 1 proceso asistencial de insuficiencia cardíaca.

No que se refire á Xerencia de Atención Primaria de Santiago, a historia clínica electrónica e a e-receita tamén están dispoñibles para todos os profesionais. Nela, en 2010 incorporáronse 4 centros á modalidade de anticoagulación oral na que se fai todo no centro de saúde, e outros 15 están previstos para este ano. No programa da muller, 33 centros realizan o seguimento do embarazo normal dende 2009, e realízase consulta preconcepcional en 8 centros. Ademais, no ano pasado 5 centros dotáronse con ecografía.

Respecto á despistaxe de cancro de cervix con citoloxía, realízase en 7 centros. Neste ano este servizo estenderase aos centros de Santiago, Milladoiro, Padrón e Arzúa. No ano 2010 implantouse a teleoftalmoloxía en 4 centros, a teleneuroloxía en 9 e a teledermatoloxía en 3. No ano 2011 estenderase a teleoftalmoloxía a 2 centros máis, renovaranse cámaras de dermatoloxía e implantarase a teleendocrinoloxía.

Así mesmo, establecéronse -xunto co CHUS- o protocolo de acceso ás consultas de alta resolución de cardioloxía, o proceso asistencial de insuficiencia cardíaca e as vías rápidas de cancro de colon e nódulo pulmonar solitario. Este ano 2011 estase a traballar no proceso de cardiopatía isquémica crónica, nas vías rápidas de cancro de mama e pulmón e nos protocolos de estudio de dispepsia e o acceso á solicitude de probas de imaxe.

Na Área de Ferrol teñen acceso á receita electrónica todos os centros, e á imaxe dixital os centros que dan cobertura a máis do 75% da poboación. En 2010 comezaron a realizar retinografías 2 centros, e outros 2 farano no 2011. Ademais, o pasado ano incorporaron a espirometría 6 centros, e este ano farano 4 máis. Tamén se puxo en funcionamento unha unidade de saúde bucodental; a cirurxía menor está xa implantada en todos os servizos, e incorporouse a crioterapia en 2 novos centros.

En Ferrol desenvolvéronse as vías rápidas de cancro de colon, mama, pulmón e próstata; programas de deshabituación tabáquica con dotación de cooxímetros nos centros de saúde e implantouse o programa de atención ao paciente pluripatolóxico. Ademais hai máis de 5.500 pacientes incorporados ao programa de asbestose; e existen protocolos de actuación propios dunha área integrada en dispepsia, fibrilación auricular, insuficiencia cardíaca, hemoptise, asma, EPOC, enfermidade renal crónica, manexo e coidado PEG (gastrostomía) e lumbalxias.

Provincia de Ourense
Na Xerencia de Atención Primaria de Ourense incrementouse a carteira de servizos durante o ano pasado en 52 centros de saúde, implantándose a modalidade C do TAO en 23 centros, as espirometrías en 52 e o test de úlcera péptica en 44 centros. No que vai de 2011 incrementaron a súa carteira de servizos 35 centros: en 27 implantouse a modalidade C do TAO, en 10 a cirurxía menor, a teledermatoloxía nun centro, e a retinografía noutro.

Tamén durante o ano pasado incorporouse equipamento en 72 centros, con 63 pulsioxímetros, 44 espirómetros e 13 lámparas de Wood. Neste ano xa se distribuíron un retinógrafo, 13 desfibriladores, 26 electrobisturís e 18 lámpadas de cirurxía.

Respecto ás probas diagnósticas, os profesionais da área CHOU poden solicitar radioloxía xeral, TAC, mamografías, ortopantografías, densitometrías, ecografías, endoscopias e urografías. Dende pediatría tamén poden solicitar RNM, que estará dispoñible para todos os profesionais no 2011.

Na área de Verín teñen acceso á radioloxía convencional e ecografía de partes blandas, urolóxica e tiroidea, e este ano irán incorporando endoscopias dixestivas, mamografía, TAC, urografía e resto de ecografías. Así mesmo, na área do Barco de Valdeorras xa teñen acceso á radioloxía convencional e ecografía, e ao longo 2011 os profesionais terán acceso a todas as probas que se realizan no Hospital do Barco.

Provincia de Lugo
Por último, na Xerencia de Atención Primaria de Lugo incrementaron a súa carteira de servizos 6 centros no programa de atención á muller; 1 no de deshabituación tabáquica; 1 no programa de pacientes crónicos e polimedicados; e 2 no da enfermeira xestora de casos de insuficiencia cardíaca.

Na provincia, este ano, rematarase a descentralización da anticoagulación oral; dixitalizarase a radioloxía en 3 centros; implantarase o PROGALIAM nos PACs da área norte e centro, e remataremos na área sur. Ademais, todos os servizos de Atención Primaria realizan cirurxía menor; e implantouse a espirometría en 13 centros; o doppler en 27; a monitorización da tensión arterial en 14; a telemedicina en 4; e a ecografía noutros 4.

Así mesmo, puxéronse en marcha as vías rápidas de cancro colorrectal e de pulmón na área centro, de cancro de próstata e colorectal na área sur, e de cancro ORL e pulmón na norte. Neste ano implantouse xa a vía rápida do cancro de mama na área centro, e farase nas outras áreas en datas próximas.

“Queremos unha Atención Primaria con maior capacidade de resolución, con mellores infraestruturas e con maior dotación tecnolóxica, que preste unha asistencia sanitaria personalizada, continuada no tempo e baseada na mutua confianza entre o profesional e o paciente”, asegurou a conselleira, quen avogou por seguir aumentando a eficiencia, calidade e capacitación no traballo dos profesionais, introducindo aquelas ferramentas que faciliten a integración asistencial e reduzan os tempos de resposta no diagnóstico e tratamento.