Estudantes de 80 centros educativos galegos participaron na semifinal do concurso "Ciberseguridade no cole!"

Martes 21 de Outubro de 2025

Estudantes de 80 centros educativos galegos participaron na semifinal do concurso "Ciberseguridade no cole!"

Os seis centros clasificados participarán na final presencial, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro na Cidade da Cultura
O obxectivo deste certame, que celebra a súa quinta edición, é concienciar aos escolares dos riscos no uso da tecnoloxía e ensinarlles boas prácticas en materia de ciberseguridade
É unha das citas do Encontro CiBER.gal, que un ano máis reunirá en Santiago a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional para abordar os retos da seguridade dixital

A quinta edición do concurso “Ciberseguridade no cole!” espertou o interese de preto de 80 centros educativos, 28 deles de nova incorporación, que participaron na semifinal en liña celebrada estes días. O certame, unha das actividades do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, celebrará a final presencial o vindeiro 7 de novembro na Cidade da Cultura.
Os centros finalistas da categoría de primaria son o CPR Plurilingüe Calasancias da Coruña, o CPI Plurilingüe do Carballal de Vigo e o CEIP Mestre Vide de Ourense. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, CPR
Plurilinüe La Merced de Sarria, CPR Plurilingüe Losada de Vigo. 

O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais  e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno. 


Cita de referencia
O Encontro Galego de Ciberseguridade, celebrarse os días 5, 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Organizado polo Nodo CIBER.gal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o encontro estrutúrase, por primeira vez, en tres xornadas, cada unha enfocada nun público obxectivo, e contará cunha zona expositiva de solucións de ciberseguridade presentadas polas entidades patrocinadoras que apoian o evento.
A V edición de CIBER.gal reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional, entre eles Bernardo Quintero, Bernardo Viqueira, Rosa Díaz ou Javier Candau, así como representantes do Parlamento Europeo, do Ministerio de Defensa e do
Ministerio de Transformación Dixital, que achegarán a súa visión sobre os novos retos globais en materia de seguridade dixital. Ademais, contarase co cómico galego Oswaldo Digón, que con clave de humor falará da seguridade na contorna dixital.
Durante os tres días, grazas á colaboración do INCIBE, o público poderá gozar da experiencia itinerante Road Show e visitar un expositor de ciberseguridade interactivo, pensado para achegar coñecementos e boas prácticas a todo tipo de públicos.
 As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición nesta ligazón, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo. O programa completo pode consultarse na páxina web do V Encontro CIBER.gal .