Escolares de Santiago aprenden a programar videoxogos con Scratch, nun obradoiro organizado polo Cpetig e a Amtega

Sábado 15 de Outubro de 2016

Escolares de Santiago aprenden a programar videoxogos con Scratch, nun obradoiro organizado polo Cpetig e a Amtega

Durante a sesión, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, os rapaces estiveron acompañados polos seus pais ou nais,

A actividade busca implicación das familias para que esta experiencia didáctica sexa un labor a continuar na casa

Un grupo de 13 escolares de Santiago, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, participaron hoxe, acompañados polos seus pais ou nais, nun taller práctico de aprendizaxe para programar videoxogos con Scratch que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O obxectivo desta iniciativa, posta en marcha polo CPETIG e Amtega hai dous anos, é ampliar progresivamente o número de escolares de Galicia que acceden de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa.

A implicación das familias é determinante como apoio para que a rapazada se sinta atraída pola programación informática, de xeito que esta experiencia didáctica e divertida sexa un labor a continuar na casa.

A participación no taller, impartido por Código Octopus, supón a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. O Scratch é unha ferramenta baseada en pezas encaixables que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple e intuitivo, pero eficiente.