Declaración institucional con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

Venres 17 de Maio de 2013

Declaración institucional con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

A capacidade transformadora da tecnoloxía é unha forza imparable que vén modificando a forma en que nos relacionamos co mundo a todos os niveis. A sociedade dixital non é o futuro é o presente. Estámolo a percibir constantemente nas conexións ultrarrápidas que permiten comunicacións inmediatas con calquera lugar do mundo; nos dispositivos móbiles desde os que tanto xestionamos a vida laboral ou o ocio como controlamos o fogar de xeito remoto e tamén o percibimos nos servizos públicos que, progresivamente, trasladan á Rede os mesmos trámites que antes so tiñan a opción presencial.

En todos os eidos as TIC deslizan o seu pulo transformador para introducir beneficios e avances que nos facilitan a vida, optimizan recursos, acadan unha maior eficiencia ou axudan a obter mellores resultados. Por iso, este ano o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información fai foco nun aspecto concreto, dedicando esta xornada ás TIC e a Seguridade Vial. Un área na que a tecnoloxía pode contribuír desde varias perspectivas, actuando como freo á sinistralidade e como panca impulsora da sostibilidade medioambiental.

Como no resto dos cometidos nos que se involucran, as TIC non serán protagonistas únicas. Non frearán por si soas o número de vítimas mortais nas estradas, nin serán o elemento único que diminúa a contaminación que provoca o tráfico cada vez máis crecente. Pero unida ás normas adecuadas, a educación pertinente e ás infraestruturas precisas a tecnoloxía será, en moitos casos, a columna vertebral que permita cumprir o obxectivo marcado pola Unión Europea de reducir á metade o número total de vítimas nas estradas de Europa en 2020.

E deste xeito, latente máis que patente pero imprescindible, a tecnoloxía ocupa cada vez un maior espazo, transformando as aulas tradicionais en dixitais, axilizando a relación entre as administracións e os cidadáns, aforrando, tempo, custes e desprazamentos e xerando novas oportunidades de negocio nun sector que está a manter o emprego a pesar da crise. Tamén en Galicia, a sexta Comunidade con maior número de empresas tecnolóxicas do Estado e que desde 2009 mantén o número de empregados por riba dos 15.000. Un mérito dos empresarios e profesionais do sector tecnolóxico, grazas ao seu esforzo, a súa creatividade, e a súa aposta pola innovación e a internacionalización.

A Administración autonómica galega é consciente do papel chave das TIC e, por iso, en 2009 iniciou unha nova etapa na que a tecnoloxía tivo nome propio cunha estratexia tecnolóxica global, 2014.gal, que está a avanzar nas actuacións previstas. Nos últimos tres anos o obxectivo foi sentar as bases para que Galicia xogue un papel protagonista na Sociedade da Información. As actuacións do Plan de Banda Larga para conseguir unha Galicia conectada, a posta en marcha de Plans de Modernización na Administración pública e na Xustiza, os proxectos TIC na Educación como Abalar están a avanzar cara as metas marcadas: a eAdministración, unha xustiza máis moderna, proxectos innovadores na sanidade e na área de Benestar, ou a transformación das aulas tradicionais en dixitais. Quédanos aínda o importante treito de consolidar estas medidas e cumprir os obxectivos finais.

Pola súa capacidade transformadora o futuro das TIC pasa por estar presentes en todos os sectores produtivos. Este é un proceso inaprazable, marcado pola necesidade inminente de modelos máis eficientes e competitivos, indispensables para poder saír da actual crise económica.

E nesa dirección se encamiñan os pasos da política tecnolóxica da Xunta abordando, por primeira vez, iniciativas tecnolóxicas para incrementar a competitividade dos sectores primarios e mellorar servizos de especial importancia para o cidadán.

Neste momento, no que sumar esforzos é especialmente importante, Galicia conta con tres factores para obter resultados positivos: a capacidade do sector tecnolóxico, o potencial de profesionais cualificados e o compromiso dun Goberno autonómico que aposta pola tecnoloxía como catalizador do cambio.