Cores Tourís coñeceu o proxecto de mellora tecnolóxica da firma Pescados Vixa situada en Meaño
Esta empresa investiu, entre 2012 e 2013 máis de 4 millóns de euros na compra de nova liñas tecnolóxicas de embalaxe e pesado, así como na instalación de fibra óptica e na renovación dos paneis interiores da nave.
O delegado territorial destacou a importancia para a comarca de firmas como Vixa e recordou o apoio da administración autonómica as empresas dedicadas a transformación e comercialización de pesca e acuicultura.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, a firma Pescados Vixa para coñecer o investimento en transformación e innovación que está a realizar na súa planta e na que colaborou a Xunta de Galicia a través de axudas a investimentos en pesca e acuicultura da Consellería de Medio Rural e Mar.
Francisco Muñiz, xerente de Pescados Vixa, destacou ante o delegado territorial que “grazas a este investimento, xunto ao recibido en 2012 puidemos mellorar enormemente a produtividade desta firma converténdonos en pioneiros na implantación de sistemas de conxelación en Indivisual Quick Frozen.
O investimento realizado foi, tanto en 2012 coma en 2013 superior aos 2 millóns de euros por ano, dos cales o 60% foi aportado polas diversas administracións. Grazas a estas axudas levouse a cabo o cambio da instalación de augas, a instalación de fibra óptica, de paneis transformadores, así como de torres de refrixeración e dunha nova máquina empacadora e de pesado. “O noso obxectivo é continuar a investir nesta empresa para o cal, coa subvención obtida o pasado ano imos a levar a cabo a reforma do piso da nave así como a instalación dunha clasificadora de última xeración”, explicou Muñiz.
Pescados Vixa naceu en Combarro en 1913, relacionados coa pesca do cerco e o pequeno arrastre no litoral galego, compaxinándoo coa venta ambulante das capturas nas prazas de abastos locais. En 1988, tras anos de dedicación á pesca do pescado azul e ao comercio do pescado fresco, a familia Muñiz constituíu a sociedade Francisco Muñiz e Hijos S.A., trasladándose a Meaño en 1994. Actualmente dedícase a servizos de almacenamento frigorífico con capacidade para 4.000 toneladas de produtos do mar. “Temos capacidade para transformar 300 toneladas ao día de pescado fresco en conxelado”, explicou Francisco Muñiz, quen destacou que nos 9.300 metros cadrados de nave coa que conta a firma atópanse instalados 8 puntos de carga así como 4 cámaras frigoríficas con 23.000 metros cúbicos de capacidade.
“Co noso traballo e a innovación constante logramos converternos”, segundo apuntou o xerente de , “nunha das principais firmas na exportación de pescado peláxico conxelado e recoñecida polo seu excelente proceso de conxelación de pescado azul (xarda, xurelo e sardiña) que conserva intactas todas as súas propiedades, aspecto e texturas”.
A firma conta con 40 traballadores e unha facturación anual que rolda os 9 millóns de euros, exportando o 95% da súa produción a países de todo o mundo, sendo Exipto o seu principal mercado e abríndose na actualidade a lugares como Canadá ou Estados Unidos.
“A tradición e o progreso é a nosa mellor carta de presentación, xa que unimos o coñecemento e a experiencia acumulada tras varias xeracións dedicadas ao mar”, explicou Francisco Muñiz.