Coa segunda versión do espazoAbalar, profesores e pais xa poden xestionar as titorías e as faltas dos alumnos

Xoves 27 de Xaneiro de 2011

Coa segunda versión do espazoAbalar, profesores e pais xa poden xestionar as titorías e as faltas dos alumnos

A plataforma conta con novas funcionalidades e servizos para os docentes, as familias e outros axentes de toda a comunidade educativa

Os pais xa poden consultar as notas da primeira avaliación, coñecer as faltas e presentar xustificantes por internet

A Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dan así un novo paso no desenvolvemento do Proxecto ABALAR

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica veñen de actualizar e incorporar novas funcionalidades ao espazoAbalar. O obxectivo desta plataforma é fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa ademais de facilitar a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo galego. Ambos os dous departamentos da Xunta xa traballan la terceira versión do espazoAbalar, un proxecto que necesita de actualizacións e enriquecimentos periódicos.

Desde hoxe o espazoAbalar conta cun novo lugar para aqueles docentes que sexan titores dalgún grupo de alumnos matriculados nun centro Abalar e increméntanse as funcionalidades dispoñibles ás que teñen acceso os pais e nais destas alumnas e alumnos. Ademais, estase a incrementar de forma continua o repositorio de contidos educativos dixitais, que actualmente conta con 640 recursos, e modificouse a páxina de inicio para ofrecer información puntual das novidades do Proxecto Abalar.

Control de faltas e xestión de citas

O novo ‘espazo Profesores’ permite aos docentes realizar o desenvolvemento de actividades de seguimento e control diarias dunha maneira sinxela e práctica e facilita o intercambio de información e a comunicación cos responsables dos alumnos, sempre que os centros habiliten o servizo previamente. Desta forma, posibilita aos docentes a realización da consulta dos seus datos persoais, permite levar a cabo un control dos xustificantes das faltas de asistencia enviados vía electrónica polos pais, nais e titores legais dos nenos, a xestión das citas de titoría e o envío de avisos xerais aos responsables dun grupo de alumnos ou incidencias personalizadas aos mesmos.

Seguimento da vida académica
 

Precisamente, a inclusión deste espazo destinado aos docentes, tamén posibilita que os pais, nais e titores legais dos escolares poidan realizar unha serie de novas accións a través do ‘espazo Familias’. Con esta actualización, os responsables dos rapaces poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos. Datos como as materias que están cursando, as cualificacións académicas obtidas nas diferentes avaliacións, as faltas de asistencia ou o servizo de comedor e transporte, son exemplos da importante información á que se pode acceder tan só a un clic de rato. De feito xa están dispoñibles as notas da primeira avaliación e os pais poden coñecer as faltas de asistencia e mesmo presentar xustificantes vía internet.

Así mesmo, máis aló da obtención de noticias relativas á vida escolar dos seus fillos, as nais e os pais poderán xustificar as faltas de asistencia e solicitar citas de titoría en liña, así como coñecer as incidencias máis relevantes dos seus fillos e os avisos que afecten ao grupo de alumnos ao que pertenzan a través de notificacións enviadas polos titores dos mesmos. Sempre que os pais e nais o desexen, estes avisos serán recibidos por medio dun correo electrónico.

Clasificación dos contidos
 

Adicionalmente, o espazoAbalar cambia de cara e introduce unha nova pantalla de inicio na que os usuarios poderán estar ao tanto das últimas noticias referidas ao Proxecto Abalar e dos avances na integración das TIC na práctica educativa galega. Ademais, publícanse os recursos dixitais máis actuais e relevantes incorporados ao repositorio, e ordénanse e clasifícanse os contidos do espazoAbalar dunha forma práctica para facilitar aos axentes a busca da información e dos servizos que precisen.

Obxectivos do espazoAbalar
 

O espazoAbalar constitúe un dos elementos diferenciais da estratexia de integración das TIC no ensino que está a desenvolver a Xunta de Galicia e creouse como unha nova canle de comunicación para fomentar a participación cidadá no sistema educativo. Ademais, esta plataforma abre novas vías de comunicación e colaboración, e para reducir as cargas de traballo da Administración, minimizando os trámites administrativos.

Entre as finalidades deste portal están as de incrementar a eficacia dos servizos educativos, desenvolver as TIC no ámbito do ensino e fomentar a participación e motivación do alumnado, loitando ao mesmo tempo contra o fracaso escolar, a través dun seguimento continuado por parte das familias dos resultados académicos e do comportamento dos alumnos.