Catro especialistas internacionais en animación, videoxogos e realidade virtual achegarán a Galicia o futuro dos contidos dixitais no “DICO Summit 2017”
Simon Smith de Studio Liddell, Steve Hanton de Studio Distract, Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester intervirán no panel “Os contidos dixitais gañan a partida”
É unha das seis mesas previstas na primeira xornada do DICO Summit, que se celebrará o 24 e o 25 de xaneiro na Cidade da Cultura
Profesionais e emprendedores do ámbito tecnolóxico e doutros sectores económicos, estudantes e calquera persoa interesada no mundo dixital pode inscribirse no encontro a través da web dicosummit.gal
DICO Summit ofrecerá tamén un Showroom coas últimas novidades tecnolóxicas aplicadas aos contidos dixitais e espazos de Networking
Os interesados en coñecer as últimas novidades da animación, os videoxogos e as aplicacións actuais e futuras da Realidade Aumentada e da Realidade Virtual teñen unha cita o 24 de xaneiro no DICO Summit 2017. Catro especialistas de recoñecido prestixio nestas áreas participan ese día no panel “Os contidos dixitais gañan a partida”.
Simon Smith de Studio Lidell, Steve Hanton de Studio Distract e Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester, moderados polo director de Innovación Digital de Mardy Bug, Enrique Parga, conforman unha das seis mesas que terán lugar na primeira xornada do encontro internacional, DICO Summit 2017, organizado pola Amtega, o Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galego.
Expertos do panel “Os contidos dixitais gañan a partida”
Simon Smith é un profesional con 15 anos de experiencia na industria do videoxogo en deseño, produción e desenvolvemento de Negocio. Actualmente, traballa en aplicacións de realidade virtual e aumentada en Studio Liddell. Esta empresa, radicada en Manchester conta con máis de 20 anos de experiencia, conta na súa carteira de clientes a empresas como Disney, BBC, Sony, Ferrari, Pfizer ou Adidas.
Admais, Simon Smith forma parte de Gameopolis, unha rede para a promoción e contacto entre os axentes da industria do videoxogo en Manchester.
Steve Hanton é director de Studio Distract, empresa dedicada á dirección e produción de animación que traballa para entidades como Disney/Pixar, BBC, Hasbro ou o Servizo Nacional de Saúde (NHS) de Reino Unido.
Luca Conesa é un desarrollador de aplicacións de Realidade Virtual a través do seu proxecto MefistoFiles, coñecido pola aplicación ApneaVR que detecta a respiración e pasos do usuario no mundo real para transportalo ás profundidades subacuáticas. Ademais é coorganizador do VRManchester.
Luigi Renna forma parte da organización de VRManchester, unha comunidade con máis de 400 membros formada por desarrolladores e entusiastas interesados na Realidade Virtual en Manchester e a súa zona de influencia, que se reúnen para compartir experiencias ao redor desta temática.
Inscrición
A inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, pódese realizar a través do enlace http://dicosummit.eventbrite.com. Os asistentes ao encontro, que se celebrará os días 24 e 25 de xaneiro, poderán coñecer as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos da man de profesionais e empresas referentes neste ámbito.
Ao longo de dúas xornadas, Dico Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
Showroom, Networking e Concurso de ideas
DICO Summit contará tamén cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.