Axentes do sector TIC participan no I workshop do Programa Primare para aplicar solucións tecnolóxicas innovadoras ao ámbito agrario
Empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector TIC galego interesáronse polo proceso de compra pública innovadora para implantar un sistema de inspeccións intelixentes avanzadas e novos servizos para a xestión dixital dos cultivos
A convocatoria para a presentación de propostas iniciais para a resolución de forma parcial ou global do reto exposto continúa aberta ata o vindeiro día 9 de decembro
O Programa Primare conta cun orzamento total de 4 millóns de euros para o desenvolvemento, entre outros servizos de valor engadido, dos servizos para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da PAC
Axentes do sector tecnolóxico asistiron ao I workshop do Programa Primare, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, para coñecer de primeira man o proceso e alcance do reto exposto pola Xunta de Galicia para definir un modelo de Inspeccións intelixentes avanzadas vinculadas ás axudas da Política Agraria Común (PAC) e ofrecer servizos de valor engadido para mellorar a competitividade do ámbito agrícola.
O director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Carlos Vázquez, participou no evento e agradeceu as propostas recibidas ata o momento así como a interese que están a manifestar os axentes do sector tecnolóxico e empresas de servizos de enxeñaría por colaborar coa Administración autonómica na resolución deste reto.
Representantes de empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector TIC participaron nesta xornada de traballo, na que puideron tecer alianzas para a presentación de propostas conxuntas así como resolver dúbidas e aclaracións sobre o proceso e os detalles técnicos da consulta impulsada pola Administración autonómica.
Consulta preliminar ao mercado
O pasado 26 de setembro a Xunta de Galicia abriu unha consulta preliminar ao mercado a modo de convocatoria aberta para a presentación de propostas de solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta ao reto dos controis de campo vinculados ás axudas da Política Agraria Común (PAC), e que ofrezan outros servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro.
A convocatoria de presentación de propostas iniciais para a resolución de forma parcial ou global do reto exposto continúa aberta ata o vindeiro día 9 de decembro na seguinte ligazón http://amtega.xunta.gal/cpti e diríxese a calquera persoa, física ou xurídica, pública ou privada con vontade de colaboración coa Xunta neste ámbito.
O obxectivo final é definir os proxectos concretos a acometer que permitan abrir o período de licitacións públicas a comezos do ano 2017 a través do procedemento de Compra Pública Innovadora.
Sistema de Inspección Intelixente e xestión dixital de cultivos
Anualmente o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) realiza máis de 100.000 controis sobre o terreo de recintos agrícolas no marco das axudas anuais da Política Agrícola Común (PAC).
A aplicación da tecnoloxía permitirá axilizar a realización destes controis, mellorará a súa eficiencia, garantirá a súa adecuación á normativa, reducirá a súa complexidade e os custos da súa realización, tendo en conta o volume de inspeccións e as súas dificultades nun parcelario como o galego (onde a media de hectáreas por recinto declarado está en 0.37). Os axentes interesados poden atopar información de detalle sobre as necesidades a resolver na seguinte ligazón: Consideracións sobre os controis das axudas da PAC.
Ademais, búscase que as propostas do sector ofrezan servizos de valor engadido encamiñados á xestión dixital dos cultivos, que permitan aos agricultores contar con ferramentas tecnolóxicas para facer un seguimento dixital das súas parcelas e cultivos e facilitar as xestións por vía telemática coa Administración.
Para abordar este reto, será necesario facer uso das últimas innovacións en tecnoloxías de BigData, sensorización e uso de drons.
Orzamento da actuación
A actuación liderada pola Amtega, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, conta cun orzamento de total de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade, GAIN e a Amtega para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative"