A Administración Dixital universalízase en Galicia e permite facer a totalidade dos trámites da Xunta online

Martes 12 de Agosto de 2025

A Administración Dixital universalízase en Galicia e permite facer a totalidade dos trámites da Xunta online

Todos os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñen de sede electrónica
Cerca do 87% das entradas de documentación por rexistro na Xunta son de tipo electrónico
Máis do 96% dos concellos dispoñen do servizo de notificacións electrónicas e cerca do 92% contan con carpeta do cidadán

A totalidade dos procedementos da Xunta destinados a cidadanía, empresas, entidades sen ánimo de lucro e entidades locais xa se poden presentar de xeito electrónico e o 99% dos concellos xa dispoñen dunha sede electrónica, segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, que presentou recentemente a súa memoria anual de actividade.

A Memoria de Osimga destaca que Galicia supera a media estatal nos indicadores de uso da administración electrónica nos fogares. Máis do 80% das galegas e galegos que utilizan internet contactaron coas administracións e, segundo os datos do último informe publicado, correspondentes a 2023, a sede electrónica rexistrou 1,4 millóns de trámites, o que supón un aumento dun 8% con respecto ao dato anterior.

O último informe A administración dixital na Xunta de Galicia. Principais indicadores, publicado en 2024, destaca que a porcentaxe de entradas electrónicas no sistema de rexistro da Administración autonómica respecto ao total acada xa o 86,8%.

O Observatorio destaca tamén na súa Memoria anual o crecemento da presentación de impostos en liña, sistema que en 2024 foi utilizado polo 35,1% dos internautas galegos, o que representa un crecemento dun 53% con respecto ao ano anterior. Sinala tamén que os procedementos que puideron iniciarse de xeito electrónico creceron un 8,2% ata alcanzar os 2.130, dos que 1.455 estaban dirixidos á cidadanía. Máis do 64% das persoas de Galicia que usan internet concerta citas ou reservas en liña coa Administración e o 63,5% fai algunha interacción relacionada con accesos á información.

No que se refire aos concellos, a memoria do Observatorio indica que os que dispoñen de sede electrónica creceron un 25% nos últimos seis anos, ata acadar a práctica totalidade. Todos os concellos de máis de 5.000 habitantes dispoñen deste servizo, ao igual que o 98,6% dos concellos de entre 2.001 e 5.000 habitantes; e o 80,2% dos concellos de menos de 2.000 habitantes. Por provincias, o 100% dos concellos de Pontevedra dispoñen de sede electrónica; o 98,9% dos de Ourense; o 98,8% dos da Coruña e o 98,6% dos de Lugo.

Un 97% das entidades municipais de Galicia contaban en 2023 cun portal de transparencia, o que representou un crecemento dun 2,4% con respecto ao informe anterior, con datos de 2021. Dous de cada dez concellos galegos dispoñen de sistemas de internet das cousas (IoT) para xestionar dotacións como o alumeado público, o rego ou a subministración de auga. A Memoria destaca tamén que o 25,9% dos concellos dispoñen de servizos de computación na nube.