A Xunta traballa no desenvolvemento da Administración electrónica para ofrecer uns servizos públicos máis eficientes e potenciar a accesibilidade e a transparencia

Martes 29 de Xuño de 2010

A Xunta traballa no desenvolvemento da Administración electrónica para ofrecer uns servizos públicos máis eficientes e potenciar a accesibilidade e a transparencia

A estratexia TIC da Xunta de Galicia busca situar á Comunidade no núcleo avanzado da sociedade da información

As liñas de actuación nesta materia, tanto a nivel estatal como europeo, buscan consagrar o dereito dos cidadáns a comunicarse coas administracións a través de medios telemáticos

O Plan de Modernización da Administración é unha das liñas de actuación recollidas na Axenda Dixital de Galicia

A Xunta de Galicia entende a Administración electrónica como unha actuación orientada a ofrecer a cidadáns e empresas uns servizos públicos máis eficientes e máis próximos utilizando as novas tecnoloxías da información e das telecomunicacións. Así o indicou a subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, durante a “Xornada sobre a Modernización da Administración Autonómica de Galicia”, organizada pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

Tamén afirmou que esta demanda está xa recoñecida como unha necesidade ante o aumento dos servizos requeridos polos cidadáns e as empresas que fan necesaria unha automatización da xestión pública, a introdución de sistemas transparentes de traballo, a utilización de medios telemáticos para manter uns tempos de resposta aceptables e a coordinación entre os distintos niveis administrativos. 

Áreas de actuación

Nesta liña de actuación, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de abril, o  Plan de Modernización da Administración Pública da Xunta de Galicia, dotado con 26 millóns de euros ata o 2013 co obxectivo de acadar o desenvolvemento da Administración electrónica estendendo o uso das tecnoloxías para ofertar novos servizos e mellorar os actuais, acelerando a tramitación de procedementos e facilitando a participación e a información da cidadanía en tempo real. O Plan, que recolle as accións previstas para acadar o despregamento da eAdministración estrutúrase en catro eixos de actuación, 12 áreas de traballo e 33 programas.

A subdirectora xeral de Sistemas de Información indicou que o plan contempla como obxectivos prioritarios para este ano a regulación normativa da eAdministración. Así mesmo, dotarase aos traballadores da Administración do certificado dixital de empregado público que lles permitirá ser identificados como tales e empregar a sinatura dixital nos documentos administrativos. Tamén se configurará a sede electrónica, que implica que unha parte da web institucional quedará configurada como unha oficina virtual e porase en marcha o sistema de tramitación telemática dos procedementos administrativos. Outra das liñas estratéxicas deste ano é acadar a eliminación da petición de documentación básica como o DNI, o certificado AEAT, e a creación dun punto único de atención ao cidadán. 

No 2011 as prioridades son acadar que o 100% dos procedementos da directiva de servizos (aqueles procedementos vinculados a emprendedores) e o 20% das subvencións se xestionen telematicamente. A consolidación da carpeta do cidadán e as empresas, que permite o acceso aos trámites e documentación en poder da Administración son tamén obxectivos para o vindeiro ano. Ademais, consolidarase o Sistema de Xestión de Persoal Unificado, a Intranet, a Oficina do Empregado Público e os procedementos SERI (servizos de resposta inmediata) telemáticos. As xestións coa Administración a través de Internet preséntase como vía alternativa para axilizar os tempos de resposta ao cidadán.

Colaboración coas administracións

Aínda que xa existen diversas iniciativas de eAdministración a nivel municipal, María José García Sexto, subliñou a importancia da coordinación para aproveitar as experiencias, evitar a duplicidade de investimentos e facilitar medios para simplificar a xestión e un grao de soporte tecnolóxico óptimo. Unha das medidas xa adoptadas para avanzar na cooperación é a recente sinatura dun Protocolo de Colaboración entre a Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento da eAdministración.

A consecución da eAdministración suporá un paso máis cara o eGoberno, un concepto máis global que implica un novo modelo de relación entre Administración, cidadanía e empresas que inclúe o soporte completo a todos os procesos entre dispoñibles para os usuarios independentemente do lugar, momento ou canle de comunicación.

Sociedade da Información

A estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta de Galicia abarca un importante número de actuacións para situar á Comunidade no núcleo avanzado da sociedade da información. Entre as medidas que se están a desenvolver, María José García Sexto enumerou na súa intervención o Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no 2010, que engloba o Plan de Banda Larga, o desenvolvemento do eGoberno, a dinamización do uso das TIC e o Plan Integral de Apoio ao sector TIC. Todas elas enmarcadas en 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, que aglutina a estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta e define as actuacións para maximizar o potencial social e económico das TIC como peza clave que axude a converter a economía actual nunha economía intelixente, sustentable e integradora cun alto nivel de emprego, cohesión social e territorial.