A Xunta reuniuse cos representantes do sector de turismo da cidade para explicarlles a Lei de Área Metropolitana de Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, reuniuse hoxe cos responsables de Feprohos e Asehospo co obxectivo de pulsar a súa opinión.Bravo Bosch está a manter reunións con asociacións e colectivos da cidade para explicarlles o texto aprobado na Cámara Galega, continuando a vindeira semana co resto de axentes sociais, económicos e culturais
Explicoulles cómo serían as competencias da entidade supramunicipal que afectarán á area territorial en materia de turismo
A Lei de Área Metropolitana de Vigo supón unha “gran oportunidade” para mellorar a calidade e abaratar o custe dos servizos públicos que se ofrecen aos cidadáns, sobre todo os relativos a transporte, ordenación do territorio, auga ou servizos sociais, entre outros
Os órganos básicos da Área Metropolitana son a asemblea metropolitana e a xunta de goberno, correspondéndolle á primeira “o control e fiscalización dos órganos de goberno metropolitanos”
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, reuniuse esta mañá con representantes do sector do turismo da cidade para explicarlles a Lei de Área Metropolitana de Vigo. En concreto, mantivo un encontro cos responsables da Federación Provincial de Hostalería (Feprohos), José Manuel Magaz, e da Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra (Asehospo), César Ballesteros.
Dentro da rolda de contactos que a semana pasada anunciou que levaría a cabo tras a aprobación do texto normativo na Cámara Galega, continuará a vindeira semana co resto de axentes sociais, económicos e culturais co obxectivo de pulsar a súa opinión e aclarar todas as dúbidas que poidan ter ao respecto do documento lexislativo.
A representante do Goberno galego na cidade informoulles de que a Lei suporá unha “gran oportunidade” para mellorar a calidade e abaratar o custe dos servizos públicos que se ofrecen aos cidadáns, sobre todo os relativos a transporte, ordenación do territorio, auga, turismo ou servizos sociais, entre outros.
Durante máis dunha hora en un clima de total cordialidade, Bravo Bosch tratou con eles as cuestións relativas ao ámbito do turismo e explicoulles aos representantes do sector cómo serían as competencias turísticas que afectarán á área territorial e das transferencias das competencias das Administracións implicadas.
Trasladoulles tamén que a capitalidade da AMV recaerá en Vigo e no feito de que a Lei de Área Metropolitana “é unha norma” cuxo desenrolo, segundo se contempla no texto normativo, será por regulamento orgánico. Neste senso, os representantes de ambas asociacións sinalaron que estarán á espera de cómo quedará o regulamente posterior.
A primeira Área Metropolitana de Galicia
A Área Metropolitana de Vigo dará resposta específica a unha realidade social e económica metropolitana que concita a preto de medio millón de persoas co obxectivo de constituír un dos principais polos económicos e dinámicos da Comunidade Autónoma e lograr un espazo axeitado para a posta en marcha da primeira Área Metropolitana de Galicia. Ademais, evitará duplicidades, o persoal será traspasado das administracións que transfiran servizos e non suporá un maior gasto para as arcas públicas.
Se configura como unha entidade local territorial, cun ámbito delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo, habilitando a incorporación de novos concellos a través de Decreto, e coas mesmas potestades administrativas que os concellos e as deputacións. O Concello de Vigo será a capital da Área Metropolitana de Vigo.
No que respecta á organización da entidade, existen dous órganos básicos que son a asemblea metropolitana e a xunta de goberno, sendo esta última o órgano onde se propoñen as ideas, e a asemblea, o órgano onde se toman as decisións.
En canto a primeira, está integrada por concelleiros dos 14 concellos –concelleiros metropolitanos-, elixidos en función da súa poboación. En total estará conformada por 52 representantes, sendo a cidade de Vigo a que ostenta o 47% de representatividade con 24 concelleiros. A asemblea, coma sinala o apartado 1.º) do texto, lle corresponde “o control e fiscalización dos órganos de goberno metropolitanos”, sendo o órgano que ten atribuídas as competencias metropolitanas máis importantes. Ostenta: o maior número de competencias de carácter económico e de xestión -aprobación do Plan metropolitano cuadrienal de actividades, obras e servizos, así como a determinación de recursos propios de carácter tributario ou a aprobación-; as atribucións en materia de territorio -aprobación provisional do plan territorial integrado e dos plans e programas sectoriais en materia de ordenación do territorio-; competencias metropolitanas -resolver os procedementos de asunción de novas competencias e servizos públicos-; en materia de persoal determinará o número e a composición da comisión especial de contas; no carácter normativo, levará a cabo a aprobación e modificación do Regulamento orgánico metropolitano e a aprobación e modificación dos regulamentos e ordenanzas de carácter metropolitano. Por exemplo, en materia de transporte público de viaxeiros, terá a competencia para a aprobación das tarifas dos servizos metropolitanos.
En canto á xunta de goberno, está formada polos 14 alcaldes. As atribucións en materia de competencias están limitadas ás que lle delegue a propia asemblea, exercendo máis labores de coordinación e cooperación que de decisión.
A AMV ostentará as competencias en promoción económica, emprego e servizos sociais; turismo e promoción cultural; mobilidade e transporte público de viaxeiros; medio ambiente, augas e xestión de residuos; prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e cooperación urbanística; e coordinación nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).