A Xunta presenta as iniciativas para avanzar na eAdministración no II Congreso de Modernización dos Servizos Públicos
A subdirectora xeral de Sistemas expuxo esta mañá en Granada as liñas estratéxicas da Xunta para estender o uso das TIC no ámbito administrativo.
O goberno galego investirá 26 millóns de euros ata 2013 no Plan de Modernización da Administración Pública.
No 2010 está prevista a eliminación da petición de documentación básica, reducindo procedementos e xestións.
No 2011 o 100% dos procedementos da directiva de servizos e o 20% das subvencións poderanse tramitar telematicamente, como vía alternativa á xestión presencial.
O plan de Modernización 2010-2013 da Xunta de Galicia supón unha aposta decidida pola extensión do uso das TIC no ámbito administrativo para facilitar a tramitación dos procedementos e procurar a información en tempo real e personalizada á cidadanía. Así o expuxo esta mañá en Granada a subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, na segunda edición do Congreso de Modernización dos Servizos Públicos.
A responsable de Sistemas da Secretaría Xeral de Modernización sinalou que o desenvolvemento da Administración electrónica é unha actuación transversal que afecta a todos os departamentos e niveis da Xunta de Galicia. O plan para acadar o despregamento da Administración electrónica estrutúrase en catro eixos de actuación, 12 áreas de traballo e 33 programas e conta cun investimento de 26 millóns de euros ata o ano 2013.
Os ámbitos de acción do Plan de Modernización, segundo explicou María José García Sexto, implican a simplificación dos procedementos e a interoperabilidade inter e intra administrativa, a dixitalización dos servizos e sistemas e a adopción de medidas transversais que redunden en beneficio dos cidadáns, as empresas e a propia administración, incluíndo aos propios empregados públicos e as entidades locais.
Obxectivos
García Sexto avanzou que ao longo deste ano dotarase aos traballadores da Administración do certificado dixital de empregado público que lles permitirá ser identificados como tales e empregar a sinatura dixital nos documentos administrativos. Tamén se configurará a sede electrónica, que implica que unha parte da web institucional quedará configurada como unha oficina virtual e porase en marcha o sistema de tramitación telemática dos procedementos administrativos. Outra das liñas estratéxicas deste ano é acadar a eliminación da petición de documentación básica como o DNI, o certificado AEAT, e a creación dun punto único de atención ao cidadán.
Ademais, a subdirectora xeral de Sistemas avanzou que os obxectivos prioritarios de cara ao 2011 as prioridades son acadar que o 100% dos procedementos da directiva de servizos (aqueles procedementos vinculados a emprendedores) e o 20% das subvencións se xestionen telematicamente. A consolidación da carpeta do cidadán e as empresas, que permite o acceso aos trámites e documentación en poder da Administración son tamén obxectivos para o vindeiro ano. Ademais, consolidarase o Sistema de Xestión de Persoal Unificado, a Intranet, a Oficina do Empregado Público e os procedementos SERI (servizos de resposta inmediata) telemáticos. As xestións coa Administración a través de Internet preséntase como vía alternativa para axilizar os tempos de resposta ao cidadán.