A Xunta pon en marcha un servizo de videointerpretación para persoas xordas no rexistro xeral e a través da súa web
Durante os meses de maio e xuño este sistema implantarase nos rexistros das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol
Esta prestación é unha das achegas tecnolóxicas ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013
É unha iniciativa pioneira en España que está a impulsar a Confederación Estatal de Personas Sordas para eliminar as barreiras de comunicación entre persoas xordas e persoas oíntes
A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, puxo hoxe en marcha un sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas no Rexistro Xeral da Xunta e a través da portal corporativo. Este servizo, que permite acceder á mesma información que se facilita a través do teléfono 012, estará dispoñible tamén nas delegacións territoriais da Administración autonómica na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol ao longo dos meses de maio e xuño.
Á posta en marcha do servizo asistiron a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e a vicepresidenta da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María del Carmen González.
Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que ofrece o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva. É unha iniciativa que está a desenvolver a Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) a través da plataforma SVisual. En Galicia o servizo ponse en marcha grazas ao convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Secretaría Xeral de Modernización.
Acceso presencial e vía web
Desde hoxe as persoas con algunha discapacidade auditiva teñen a súa disposición un videoteléfono instalado no Rexistro Xeral de San Caetano. A través deste dispositivo poderán poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG desde onde se facilitará a interpretación da lingua oral a lingua de signos entre o empregado do Rexistro e a persoa xorda.
Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam e un teléfono co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e lle indicará que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, permitindo así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Plan de Acción para Persoas con Discapacidade
O sistema de videointerpretación para as persoas con discapacidade auditiva é unha das achegas da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013. Así o salientou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen destacou que un dos obxectivos prioritarios do Plan é a eliminación de todo tipo de barreiras “para converter Galicia nunha sociedade accesible a todos os niveis”.
Explicou que neste proxecto recóllese especificamente a importancia da investigación, estudo e posta en marcha de novas ferramentas que aproveiten as novas tecnoloxías ao servizo da accesibilidade e da mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade. “Neste ámbito temos un importante xacemento de posibilidades”, sinalou.
Neste sentido, subliñou que “a medida que as novas tecnoloxías avanzan cada vez son máis os campos sociais que se poden mellorar coa súa implicación”. Así mesmo, resaltou que o Plan Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013 recolle apartados específicos para que as persoas con discapacidade sensorial poidan mellorar o seu desenvolvemento persoal e acceder a novas prestacións e servizos que faciliten a súa plena inclusión.
Ademais, Mato indicou que outra das finalidades deste plan, en cuxa elaboración participaron todas as consellerías da Xunta e contou co consenso dos colectivos implicados neste sector, é promover as oportunidades en igualdade para todos os cidadáns e cidadás sen exclusión.
Beneficiarios
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxcia, Mar Pereira indicou que máis de 84.000 galegos con algunha discapacidade auditiva poderán beneficiarse desta iniciativa.
A responsable do departamento autonómico recordou que, segundo datos facilitados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o número total de persoas residentes en fogares galegos que declaran ter algunha discapacidade ascende a 292.900, o que supón un 11,3% da poboación galega.
Mar Pereira destacou que 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia global da Xunta de Galicia en materia tecnolóxica, recolle que “o futuro da Sociedade da Información pasa por dotar á cidadanía das competencias e formación necesarias e por asegurar a participación de todos en igualdade de condicións”. Neste sentido, a secretaria xeral lembrou que a Axenda define unha liña estratéxica de “Cidadanía Dixital” coa finalidade de consolidar unha comunidade galega competente tecnolóxicamente que poida acceder de xeito igualitario aos contidos e servizos dixitais.
Eliminar barreiras
Pola súa banda, a vicepresidenta da Federación de Persoas Xordas de Galicia, Mª Carmen González destacou destaca que o proxecto SVIsual é unha iniciativa pioneira en España que busca “eliminar as barreiras de comunicación existentes entre persoas xordas e persoas oíntes.”
Neste sentido, a videpresidenta da FPXG indicou que “tanto as persoas oíntes como as persoas xordas na súa diversidade poderán usar SVIsual a través da lingua de signos española ou calquera outra modalidade comunicativa que soliciten en función das súas necesidades grazas aos servizos de signo e voz ou mensaxería instantánea, que contribúen a ofrecer un servizo personalizado.”