A Xunta pon en marcha o sistema de licitación electrónica con cinco expedientes por importe de máis de 5 millóns de euros

Domingo 24 de Abril de 2011

A Xunta pon en marcha o sistema de licitación electrónica con cinco expedientes por importe de máis de 5 millóns de euros

A Consellería de Facenda acaba de publicar nos Diarios Oficiais licitacións para realizar contratacións que xa inclúen a posibilidade de presentar ofertas a través do SILEX

Son os primeiros expedientes que se licitan na Xunta de Galicia por procedementos electrónicos

Para garantir a libre concorrencia, as empresas poderán optar por presentar as súas ofertas en formato electrónico ou de forma tradicional

A Xunta dá un novo paso parar acadar unha Administración máis áxil, moderna e cercana á nova realidade de empresas e cidadáns

Esta iniciativa está na liña dos obxectivos de austeridade e de aforro marcados ao inicio da lexislatura

A Consellería de Facenda, a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), vén de pór en marcha o Sistema de Facturación Electrónica (SILEX), ao sacar a concurso público os cinco primeiros expedientes que permiten a presentación de ofertas de forma electrónica. As licitacións, por importe de 5.065.740 euros, acaban de ser publicadas no Diario Oficial da Unión Europea, no BOE e no DOG.

Logo dos bos resultados acadados co Sistema Electrónico de Facturación (SEF), o departamento que dirixe Marta Fernández Currás saca agora este concurso público cos primeiros expedientes de contratación aos que as empresas xa poderán presentar as súas ofertas mediante procedementos de licitación electrónica.

De igual forma que xa se fixo coa Factura Electrónica, a Licitación Electrónica vaise a pór en funcionamento de forma consecutiva nas distintas consellerías da Xunta de Galicia de acordo co plan que xa está elaborado. Este sistema supón un novo paso na aposta do Goberno galego por unha Administración máis áxil, eficiente, moderna e próxima á nova realidade das empresas e dos cidadáns.

Primeiros expedientes

O funcionamento do SILEX principia cos cinco expedientes que xa publicou para a súa licitación o CIXTEC, o primeiro dos cales é o Servizo para o desenvolvemento dos procedementos e a realización dos traballos de actualización e valoración de certos bens correspondentes ao inventario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén se publicou para a súa licitación o Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información de xestión contable e orzamentaria.

Un terceiro expediente fai referencia ao Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información tributaria. O cuarto é o Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento de novas funcionalidades no sistema de información de nómina.

O quinto refírese ao Servizo consistente na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de novas funcionalidades no sistema de información de xestión económica financeira do persoal.

Austeridade, competitividade e modernización

Esta iniciativa da Consellería de Facenda vai tamén en liña cos obxectivos de austeridade e de aforro marcados ao inicio da lexislatura, xa que se vai acadar unha maior competitividade das empresas que presentan ofertas aos procedementos públicos de contratación.

Ademais, coa Licitación Electrónica tamén se dará un paso importante na modernización dos procesos administrativos, por canto se automatizan unha parte significativa dos mesmos, o que suporá unha maior axilidade da Administración, sen esquecerse do importante aforro que a medida supón en papel e no seu arquivo.

A proposta estenderase de forma consecutiva a todas as consellerías. Nunha primeira fase vanse licitar de xeito electrónico só os procedementos de compras e servizos relacionados coas tecnoloxías da información. Posteriormente, irase incorporando a Licitación Electrónica aos procedementos que se concursen no ámbito da Administración autonómica.

Seguridade e confidencialidade

Para garantir que non se discrimina a ningunha empresa, así como para garantir a libre concorrencia e polo tanto acadar unha maior competitividade, as empresas que así o desexen poderán optar por presentar as súas ofertas en formato electrónico ou na forma tradicional en papel como viñan facendo ata o de agora.

Ademais, o sistema conta coas máximas garantías de confidencialidade e seguridade para as empresas xa que garante o principio de segredo das ofertas ata o momento da súa apertura nas correspondentes mesas de contratación. Así, as empresas poderán realizar nos seus propios computadores todo o proceso de elaboración de ofertas e só no momento en que deciden presentalas se transmiten os datos ao Sistema Electrónico de Facturación. Isto garante que a Administración non ten no seu poder ningún dato ata que se produce o acto formal de presentación da oferta, como ocorre cando se presenta unha oferta en formato papel.

O principio de segredo conséguese mediante a fragmentación e cifrado das ofertas de forma electrónica coa clave pública dos certificados dos membros da mesa de contratación e só se poderán recompoñer ditos fragmentos no mesmo intre de celebración das mesas públicas de contratación coa utilización conxunta dos certificados privados de dous ou máis membros da referida mesa.

Os requisitos que deben cumprir as empresas para participar nestes procesos son sinxelos: estar dadas de alta no Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma e dispoñer dun certificado electrónico. O sistema permite empregar a maioría dos certificados existentes no país (D.N.I. Electrónico, Fábrica Nacional de la Moneda y Timbre -FNMT 2CA- , AC Camerfirma e Agencia Notarial de Certificación)