A Xunta mellora o servizo de videointerpretación para persoas xordas dispoñible no rexistro xeral e a través da súa web
Substitúese o videoteléfono na modalidade presencial por pantallas táctiles que permiten unha comunicación máis directa entre a persoa xorda, o empregado público e o videointérprete
A nova plataforma tecnolóxica Bildtec foi deseñada e desenvolvida por unha empresa galega en colaboración coa Federación Galega de Persoas Xordas e está adaptada ao 100% ao colectivo
O novo sistema implantarase tamén nos rexistros das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol nos que se empregaba tamén o videoteléfono
Galicia foi a segunda Comunidade Autónoma en facilitar esta prestación da que se poden beneficiar máis de 84.000 galegos con algunha discapacidade auditiva
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a mellorar o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas que se ofrece de xeito presencial no Rexistro Xeral da Xunta e das delegacións e a través do portal corporativo. Esta iniciativa, que se puxo en marcha en abril, permite acceder á mesma información que se facilita a través do teléfono 012.
O Rexistro Xeral de San Caetano conta xa co sistema BildTEC, desenvolvido e producido en Galicia, para o servizo de videointerpretación destinado as persoas con discapacidade auditiva. Así en lugar dun videoteléfono as persoas que requiran este servizo terán á súa disposición unha pantalla táctil que lles permitirá unha comunicación máis fluída co empregado público e o videointérprete que estará ao outro lado da pantalla.
Esta plataforma tecnolóxica foi deseñada pola empresa galega Scio Soft en colaboración coa Federación Galega de Persoas Xordas e está adaptada ao 100% ao colectivo, de forma que o interface é táctil e todas as mensaxes aparecen en texto e en lingua de signos.
Fronte ao videoteléfono o novo sistema facilita as conversa tres, é dicir tanto a persoa xorda, como o interprete e o funcionario estanse a ver en tempo real, e permite outras utilidades como que o funcionario poida ensinar á súa cámara un determinado documento de forma que o interprete comprenda e transmita á persoa xorda as indicacións pertinentes. Ademais, o sistema conta cunha calidade de imaxe e acorde cos últimos avances en codificación de vídeo e audio sobre internet.
Galicia foi a segunda Comunidade Autónoma en o servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva. É unha iniciativa que está a desenvolver a Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) En Galicia o servizo púxose en marcha grazas ao convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Secretaría Xeral de Modernización.
Acceso presencial e vía web
As persoas con algunha discapacidade auditiva teñen a súa disposición a novo servizo no Rexistro Xeral de San Caetano. Nos rexistros das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol o videoteléfono irase substituíndo pola nova plataforma Bildtec nas vindeiras semanas. A través deste dispositivo poden poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG desde onde se facilita a interpretación da lingua oral a lingua de signos entre o empregado do Rexistro e a persoa xorda.
Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e lle indicará que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, permitindo así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Plan de Acción para Persoas con Discapacidade
O sistema de videointerpretación para as persoas con discapacidade auditiva é unha das achegas da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ao Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013, que recolle apartados específicos para que as persoas con discapacidade sensorial poidan mellorar o seu desenvolvemento persoal e acceder a novas prestacións e servizos que faciliten a súa plena inclusión.
Beneficiarios
En Galicia hai máis de 84.000 persoas con algunha discapacidade auditiva que se poden beneficiarse desta iniciativa. Segundo datos facilitados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o número total de persoas residentes en fogares galegos que declaran ter algunha discapacidade ascende a 292.900, o que supón un 11,3% da poboación galega.
2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia global da Xunta de Galicia en materia tecnolóxica, define unha liña estratéxica de “Cidadanía Dixital” coa finalidade de consolidar unha comunidade galega competente tecnolóxicamente que poida acceder de xeito igualitario aos contidos e servizos dixitais.