A Xunta investiu preto de 5 millóns de euros no período 2009-2010 na mellora de servizos, equipamentos e infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego

Mércores 12 de Xaneiro de 2011

A Xunta investiu preto de 5 millóns de euros no período 2009-2010 na mellora de servizos, equipamentos e infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego

En 2010 instaláronse 11 novos sistemas de videoconferencia e este ano dotaranse outros 22 que se están a licitar neste momento

Ao longo do 2010 continuouse coa implantación do programa Lexnet, actualmente presente 64 órganos xudiciais, que permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados

Púxose en marcha o sistema de xestión procesual Minerva Nox e actualizouse o sistema de información das fiscalías Fortuny

O 99% do Xulgados de Paz xa ten acceso ao programa de Rexistro Civil en liña Inforeg, que permite realizar de forma centralizada a inscrición de nacementos, matrimonios e defuncións

No 2010 renováronse máis de 660 equipos ofimáticos de máis de 5 anos de antigüidade nas vilas e no 2011 cambiaranse uns 1.500 equipos nas cidades

O pasado ano impartíronse 1.600 horas de formación sobre as aplicacións Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, Inforreg e os sistemas audiovisuais, dos que se beneficiaron preto de 900 usuarios

O Goberno galego destinou máis de 4,8 millóns de euros entre 2009 e 2010 á modernizar a Xustiza desenvolvendo unha serie de actuacións orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable que permita avanzar na integración das novas tecnoloxías no eido xudicial. Estas medidas enmárcanse no Plan Senda 2014 que establece a folla de ruta para implantar de xeito efectivo as TIC na Xustiza e que conta cun orzamento de 34 millóns de euros. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

Para acadar unha verdadeira modernización da xustiza a Xunta deu en 2009 un paso previo ao Plan Senda que foi a posta en marcha do Plan TIC de Medidas Urxentes para paliar os problemas estruturais de base. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza iniciou un proceso de adecuación, renovación e mantemento das infraestruturas e equipamento tecnolóxico para dotar á xustiza e aos seus profesionais dos medios e equipamentos necesarios.

Infraestruturas

Entre as medidas que se desenvolveron na área de infraestruturas no marco do Plan Senda está a dotación durante 2010 de 11 sistemas de videoconferencia en órganos xudiciais. Na actualidade hai un total de 33 equipos de videoconferencia, 22 fixos e 11 móbiles, que dan servizo a 49 salas de vistas. Neste momento estase a licitar a adquisición doutros 22 sistemas de videoconferencia móbil e software para 500 postos de videoconferencia persoal que se instalarán ao longo de 2011.

A dotación de sistemas de videoconferencias nas salas de vistas permite unha optimización de custos, evita desprazamentos e redunda nunha axilización dos procesos.

Durante esta ano tamén se instalaron 20 sistemas de gravación de vistas. No caso deste equipamento cómpre destacar que das 164 salas de vistas que existen na actualidade a comezos de ano 157 dispoñían de sistemas de gravación de vistas pero nalgúns casos obsoletos polo que precisan ser renovados.

O proceso de renovación dos medios audiovisuais continuará en 2011 grazas ao convenio IUS+Red asinado en novembro con Red.es o Ministerio de Xustiza e que conta cun investimento de arredor de 2 millóns de euros para modernizar os servizos de gravación. Dentro deste marco de cooperación interadministrativa, a Xunta asinou tamén un convenio coa entidade pública Red.es para a dotación de aplicacións e infraestruturas TIC cun investimento de 1 millón de euros.

Sistemas de Información

Dentro do proxecto de modernización da Administración da xustiza, os sistemas de información constitúen un pilar fundamental por iso se tomaron medidas para consolidar o seu uso. Deste xeito, no último ano implantáronse e realizáronse actualizacións nos sistemas de xestión procesual Minerva e Fortuny, no sistema de Rexistro Civil, Inforeg e na Intranet dos profesionais da Xustiza.

Lexnet

Ao longo deste ano implantouse o sistema de comunicacións seguras Lexnet nun total de 37 órganos xudiciais da provincia da Coruña co que xa está operativo nun total de 64 órganos xudiciais da Comunidade. O obxectivo é completar no 2011 a implantación deste programa que permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, promovendo a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta contribuíndo á eliminación da notificación en papel. Entre xaneiro e novembro de 2010, producíronse máis de 240.000 notificacións telemáticas a través de Lexnet entre xulgados e colexios de procuradores.

Minerva

Entre as actuacións levadas a cabo de cara á modernización da Xustiza en 2010 está a posta en marcha en todos os órganos xurisdicionais do sistema de información procesual Minerva Nox dentro do proceso de reforma xudicial que entrou en vigor o pasado 4 de maio.

Tamén se puxo en marcha un plan de formación sobre o Minerva Nox destinado a uns 2.000 usurarios, tanto funcionarios da administración de Xustiza como secretarios xudiciais. Dentro deste programa xa se formaron uns 380 usuarios e a formación continuará no 2011 ata chegar a total previsto.

Fortuny e Rexistro Civil

O sistema de xestión procesal das fiscalías, Fortuny foi actualizado ata implantarse a versión existente no resto do Estado e iniciáronse accións de dinamización do uso do sistema nas fiscalías da Comunidade e actividades formativas. Isto está permitir unha maior optimización desta aplicación que presentaba un nivel baixo de uso nas fiscalías ao non estar adecuada ás necesidades dos usuarios por falta de actualización.

Por outra banda, rematouse a posta en marcha do sistema de Rexistro Civil en Liña (Inforeg) e informatizáronse os 270 Xulgados de Paz da Comunidade. Actualmente teñen acceso a Inforeg o 99% dos Xulgados de Paz e completouse a formación aos usuarios no 98% destes organismos. Este sistema permite realizar de forma centralizada a inscrición e certificación de nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas nos 45 Rexistos Civís municipais e nos 270 Xulgados de Paz repartidos por toda Galicia.

Intranet

En outubro deste ano púxose en marcha unha nova Intranet de Xustiza pensada para ser un punto de encontro informativo para os distintos profesionais do ámbito xudicial. Actualmente conta con información xeral e de acceso e contacto co centro de atención ao usuario; noticias de actualidade; preguntas frecuentes sobre aplicacións; sistemas e medios tecnolóxicos; acceso á información por grupo ou categoría; información sobre concursos, oposicións… A páxina continúa en proceso de evolución incorporando novas funcionalidades demandadas polos usuarios.

Equipamento e medios

Dotar de equipamento e medios axeitados aos profesionais da Xustiza en Galicia é outro dos obxectivos do Senda 2014. Nesta liña de acción realizouse a renovación do equipamento ofimático cunha antigüidade superior a 5 anos coa instalación de máis de 660 equipos nas vilas. En 2011 está prevista a renovación do parque ofimático das cidades, o que suporá o cambio duns 1.500 equipos. Con esta actuación renovarase o 87% dos postos de traballo.

Desde xuño de 2009 mellorouse a calidade das liñas no 53% das sedes xudiciais e realizáronse ampliacións en 59 liñas e está planificada a ampliación en 5 sedes máis.

Formación

Para lograr a adaptación dos usuarios aos novos sistemas de información o Plan Senda contempla unha liña de formación que no 2010 supuxo un total de 1.600 horas formativas realizadas nas catro provincias galegas, dos que se beneficiaron preto de 900 usuarios. A porcentaxe de asistencia superou 96% dos usuarios convocados.

A formación no 2010 centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais, tanto de gravación de vistas como de videoconferencias.

Nodo Tecnolóxico

Un dos obxectivos do Senda 2010 é o de establecer un nodo galego das tecnoloxías no ámbito xudicial para posibilitar a interconexión e o intercambio de información entre organismos e comunidades.

Para a creación deste nodo tecnolóxico realizáronse diferentes actuacións co obxectivo de mellorar a situación dos 49 Centros de Procesos de Datos (CPDs) que existen actualmente no ámbito xudicial da Comunidade. Este aspecto é unha das prioridades do Plan Senda en canto a infraestruturas, xa que os CPDs concentran os servidores, sistemas de almacenamento e recursos necesarios que dan soporte aos sistemas que xestionan os procesos xudiciais.

Entre outras medidas asinouse un convenio coa entidade pública Red.es para a renovación de infraestruturas que permitiron a renovación de 18 servidores para as sedes xudiciais situadas nas sete cidades principais de Galicia e a adquisición de equipamentos para estes centros que permiten a mellora e a eficiencia das tecnoloxías.