A Xunta facilita a empresarios e asociacións unha guía con preto de 80 solucións e experiencias tecnolóxicas dispoñibles no mercado que facilitan a integración laboral das persoas con discapacidade

Venres 02 de Decembro de 2011

A Xunta facilita a empresarios e asociacións unha guía con preto de 80 solucións e experiencias tecnolóxicas dispoñibles no mercado que facilitan a integración laboral das persoas con discapacidade

As secretarias xerais de Modernización e Política Social presentaron hoxe os resultados do estudo “O uso das tic para a integración laboral das persoas con discapacidade”

Forma parte do estudo elaborado en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e os principais colectivos e federacións galegas de persoas con discapacidade

O informe identifica os principais problemas e dificultades que este colectivo no acceso á sociedade da información como medio de integración laboral

O grao de uso das TIC parte das persoas con discapacidade é significativamente inferior ao do conxunto da cidadanía aínda que os patróns de uso das TIC son moi semellantes

Unha formación adecuada ás persoas con discapacidade é o medio que vai permitir nun futuro o acceso en igualdade aos postos de traballo

Os expertos sinalan que as empresas de Galicia deben avanzar tecnoloxicamente para integrar ás persoas con discapacidade

O Plan Galego de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013 ten como obxectivo fomentar a construción dunha sociedade inclusiva e integrador

A secretarias xerais de Modernización e Innovación Tecnolóxica e de Política Social, Mar Pereira e Coro Piñeiro, respectivamente, presentaron hoxe, na véspera do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o estudo sobre “O uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade”.

Os obxectivos desta investigación, realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e dun panel de expertos integrado polos principais colectivos de persoas con discapacidade e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, son identificar os principais problemas e dificultades que atopan as persoas con discapacidade no acceso á sociedade da información, como medio de integración laboral, para mellorar a súa calidade de vida e o seu desenvolvemento persoal, profesional e social.

Ademais, o estudo incorpora unha guía descritiva de preto de 80 aplicativos, iniciativas, dispositivos TIC, e solucións de software libre dispoñibles para facilitar a integración laboral das persoas con discapacidade. A difusión deste documento contribuirá a reducir o descoñecemento sobre a existencia de solucións baseadas nas TIC para salvar as barreiras de accesibilidade nas actividades laborais. Así o sinalaron os expertos que participaron no informe que consideran que boa parte das empresas de Galicia deben avanzar tecnoloxicamente para integrar ás persoas con discapacidade.

Emprego das TIC
Segundo o informe, o grao de uso das TIC polas persoas con discapacidade é significativamente inferior ao do conxunto da poboación galega aínda que os patróns de uso das TIC deste colectivo é moi semellante ao do conxunto da cidadanía. As persoas con discapacidades físicas fan maior uso das tecnoloxías da información e da comunicación que as persoas doutros colectivos. Concretamente as persoas con discapacidade física e as persoas xordas presentan maiores valores de uso dos servizos de Internet. Por contra, as persoas con discapacidades de tipo intelectual son as que presentan maiores dificultades coas aplicacións TIC existentes na actualidade.

Os patróns de uso das TIC son moi semellantes aos do conxunto da cidadanía. O correo electrónico é o servizo de Internet máis usado, xunto coas comunidades virtuais (blogs, foros, redes sociais...). Como ocorre no conxunto da cidadanía, o móbil é o dispositivo tecnolóxico de maior uso por parte dos galegos con discapacidade.

Dificultades de acceso
No acceso á sociedade da Información os colectivos con discapacidade vense afectados principalmente por barreiras formativas, tecnolóxicas económicas. Só en menor medida se ven condicionados por limitacións específicas derivadas da propia discapacidade, coa salvedade das persoas con discapacidade intelectual e parálise cerebral. Constátase que existen barreiras formativas que proveñen da carencia dunha formación adaptada desde a idade escolar.

Entre as barreiras tecnolóxicas existentes cabe salientar a falta de adaptación dos equipamentos. Por outra banda, o informe indica que as persoas con discapacidade acceden, principalmente, a traballos de baixa cualificación e son as mulleres quen teñen máis dificultade para acceder ao mercado laboral. A competitividade existente e o feito de que as empresas de Galicia aínda non posúen unha cultura adecuada son outras das causas que dificultan a integración laboral das persoas con discapacidade.

Recomendacións
O informe conclúe que para paliar esta situación as administracións deben potenciar a formación en TIC das persoas con discapacidade o que lles permitirá integrarse na sociedade da información e facilitará a súa integración laboral. Pola súa banda, as asociacións deben contribuír á innovación identificando as necesidades específicas do colectivo en colaboración co sector TIC e as Administracións Públicas así como indicando as prioridades no deseño das políticas e avaliando servizos e produtos TIC.

En canto ao sector empresarial, o sector TIC debe apostar por innovar en produtos específicos para o colectivo que demanden o resto dos sectores empresariais, que ademais teñen a obriga de cumprir normas e estándares sobre accesibilidade. O aproveitamento destas sinerxias daría resposta á demanda de solucións e apoios de carácter máis individualizado por parte dalgúns colectivos que existe segundo indica o informe.

Por outra banda, o estudo conclúe que unha formación adecuada ás persoas con discapacidade é o medio que vai permitir nun futuro o acceso en igualdade aos postos de traballo. Neste sentido recoméndase actuar en dúas áreas distintas, a formación desde a época escolar e a formación para a poboación adulta que xa está fóra do sistema educativo. Desde a Xunta de Galicia xa se está a impulsar a formación TIC para persoas con discapacidade a través da Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica presentes en 94 concellos galegos e todos eles equipados con dispositivos TIC adaptados.

Medidas de apoio
Desde a Administración autonómica se están a desenvolver actuacións no eido das TIC que promoven a integración das persoas con discapacidade. Este ano implantouse en Galicia o programa TIC TAC co que se dotou de equipamento tecnolóxico específico para persoas con discapacidade en 150 centros de acceso público ás novas tecnoloxías. Ademais púxose en marcha o sistema de videointerpretación en lingua de signos nos sete rexistros xerais da Xunta e a través do seu portal corporativo. Son accións enmarcadas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e no I Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013

Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade
A integración laboral das persoas con discapacidade é una das máximas prioridades do Goberno galego, o que se reflicte no Plan Galego de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013 que ten como obxectivo fomentar a construción dunha sociedade inclusiva e integradora.

De feito, este Plan contou no 2010 con 28 medidas dirixidas á formación e o emprego deste colectivo. A meta é conseguir que o conxunto da sociedade dea unha oportunidade a persoas que, por riba das súas discapacidades, teñen capacidades coas que poder desempeñar un determinado traballo.

No eido das tecnoloxías, a Consellería de Traballo e Benestar está a apostar polo aproveitamento das mesmas en favor da mellora da calidade de vida de todos os cidadáns e cidadás, así como o desenvolvemento e aplicación destas novas posibilidades na creación de novos servizos para a discapacidade.

Por suposto, a aplicación destes avances ao eido laboral é un dos principais terreos a explorar, tanto para facilitar o desenvolvemento de certos traballos por parte de persoas con diversidade funcional, como para mellorar a empregabilidade deste colectivo ampliando a súa competencia no manexo das novas tecnoloxías.…

Panel de expertos
Este estudo realizouse no marco das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia e conta ademais coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e dos principais colectivos e federacións galegas de persoas con discapacidade: Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia (AED), Autismo Galicia, Comité de Representantes de Minusválidos (CERMI – Galicia), Confederación Española de Federacións e Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral e Afíns (ASPACE Galicia), Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Down Galicia, Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA FEAPS GALICIA), Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE)

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org