A Xunta de Galicia investiu no 2009 máis de 175 millóns de euros en medidas para o desenvolvemento da sociedade da información

Luns 19 de Abril de 2010

A Xunta de Galicia investiu no 2009 máis de 175 millóns de euros en medidas para o desenvolvemento da sociedade da información

As actuacións desenvolvidas permitiron avanzar nas infraestruturas de telecomunicacións, progresar en materia de eAdministración e contribuír a impulsar ao sector empresarial das novas tecnoloxías.

A Xunta de Galicia destinou o pasado ano 175,4 millóns de euros ao desenvolvemento da sociedade da información que permitiron avanzar nas infraestruturas de telecomunicacións, principalmente no relativo á posta en marcha do Plan de Banda Larga, o acendido dixital, mellorar os resultados da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica, progresar en materia de eAdministración e contribuír a impulsar ao sector empresarial das novas tecnoloxías. Así se recolle no Informe de Seguimento das accións para o desenvolvemento da Sociedade de Información 2009, elaborado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

O documento recolle os datos das actuacións despregadas polos distintos departamentos autonómicos e organismos implicados no achegamento das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade e a súa integración nas xestións da vida cotiá dos cidadáns. A creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, supuxo o primeiro cambio de estratexia decidido polo Goberno galego na área das novas tecnoloxías coa creación dun único órgano directivo, dependente da Presidencia do Goberno. A este departamento autonómico correspóndelle o deseño e a posta en marcha de medidas que impulsen, promocionen e difundan o desenvolvemento da sociedade da información ademais de coordinar, asesorar e recoller información das iniciativas realizadas tanto pola Administración galega como polo restos dos axentes implicados.

Telecomunicacións
No ámbito das telecomunicacións, durante o 2009 o Goberno galego financiou con 12,4 millóns de euros o desenvolvemento e posta en marcha de iniciativas de banda larga e televisión dixital terrestre. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica iniciou a finais do pasado ano a elaboración do Plan de Banda Larga 2010-2013, que se presentou o pasado 19 de febreiro, e que cun investimento de 102 millóns de euros permitirá achegar un acceso de calidade á Internet de toda a sociedade galega. Nesta liña de actuacións, a principios de 2010 comezouse a prestar servizo a través de tecnoloxía Wimax aos polígonos industriais que presentaban deficiencias ou ausencia do mesmo. Actualmente, son 27 os polígonos industriais beneficiados por esta medida do Goberno galego e outros sete se incorporarán ao proxecto nos vindeiros meses. Tamén na área das telecomunicacións culminouse o acendido dixital o pasado 2 de abril o que supón importantes vantaxes para a sociedade, desde a mellora da calidade do sinal ata a liberación dunha parte importante do espectro. Este proceso implicou darlle continuidade a Oficina Técnica da TDT, a posta en marcha da campaña “Comunícate” para facilitar o proceso de transición aos usuarios e xornadas formativas para técnicos e instaladores.

eGoberno
O sector público desempeña unha papel esencial no modelo social de Galicia xa que fai posible que os cidadáns poidan acceder aos servizos fundamentais como o ensino, a sanidade e a xustiza e ás prestacións sociais que lles dean cobertura en calquera situación desfavorable. Por iso, desde a Secretaría Xeral de Modernización púxose en marcha o programa eGoberno2013 que prevé un novo modelo de servizos públicos electrónicos, baseado nos principios de acceso universal e garantindo a todos os cidadáns o mesmo nivel de servizos. No marco deste programa, a Xunta de Galicia levou a cabo diferentes actuacións cun importe de 88,7 millóns de euros no eido da administración, a educación, a sanidade, a xustiza e noutros servizos públicos.

Administración
Unha destas accións no ámbito da eAdministración foi o desenvolvemento da sede electrónica ou portal do cidadán, unha porta de acceso a toda a información e servizos en liña que se poñen a disposición dos usuarios de forma actualizada e xeralmente personalizada. Asemade, estívose a traballar no último ano na identidade dixital do empregado público, que será unha realidade este ano e tamén na do cidadán, establecendo os seus criterios de identificación fronte á Administración nas canles telemáticas

Nesta mesma liña, a Xunta de Galicia colaborou durante o último ano coas administracións locais galegas (deputacións e concellos) no proceso de adopción das TIC para a súa adaptación á lexislación vixente. Así, asinouse un protocolo de colaboración para o impulso da administración electrónica no contorno local, iniciouse a elaboración do Plan eConcellos, que se presentará proximamente, e que identifica as actuacións que deben acometer as distintas administracións implicadas. O pasado mes de novembro púxose en marcha a oficina eConcellos, que tamén está a traballar no Plan, coordinando a implantación do rexistro civil en liña nos xulgados de paz e na publicación de varios documentos de recomendacións.

Educación
Ademais, no eido da administración electrónica, un dos servizos fundamentais no cal o emprego das TIC se está a facer progresivamente máis patente é o da educación, xa que hoxe en día non se pode concibir unha sociedade sen un sistema educativo integrado coas novas tecnoloxías. Así a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria puxo en marcha a finais de ano o proxecto Abalar, unha estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia e creando a figura do Centro Educativo Dixital, que no 2010 equipará máis de 700 aulas que alcanzarán a 14.000 alumnos e preto de 2.500 profesores. Outra medidas deste departamento autonómico na área da innovación tecnolóxica foi a posta en marcha dun novo portal web, que se presentou o pasado mes de febreiro, o equipamento dos centros educativos con portátiles, ordenadores persoais e monitores; a mellora e modernización dos seus propios sistemas de información e continuación do plan de mellora de bibliotecas escolares.

Outro dos piares básicos dentro dos servizos públicos da Administración é a sanidade. A este respecto, o Sistema Público de Saúde de Galicia doulle continuidade a súa aposta polo emprego das TIC como ferramenta innovadora na mellora da xestión dos centros e para dar á cidadanía uns servizos de calidade. A través de Rede de Saúde: Plan de Tecnoloxías da Información da Sanidade Galega para o período 2006-2009, continuouse neste ano coa implantación da Historia Clínica Única (IANUS), a receita electrónica, e cos servizos cara o profesional como a Oficina Virtual do Profesional (FIDES) ou a plataforma de formación a distancia (Mestre).

Xustiza
Dentro deste eixo operativo cobraron especial relevancia durante o ano 2009, ademais dos servizos relativos ao ensino e á sanidade, aquelas actuacións directamente relacionadas coa posta en marcha do Plan TIC de Medidas Urxentes 2009-2010 no ámbito da Administración de Xustiza, dotado con 2.100.00 euros, como a migración dos procedementos rexistrados desde o sistema Lybra ao sistema Minerva; a implantación do Lexnet, unha aplicación para o transporte seguro de información que permite o intercambio de datos vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, promovendo a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais, reducindo os tempos de tramitación. Nesta mesma liña de consolidación de sistemas clave da Xustiza, cómpre destacar a implantación do programa Inforeg para a informatización e dixitalización dos Rexistros Civís e dos Xulgados de Paz

Finalmente, tamén se inclúen nesta liña de actuación todos aqueles servizos públicos susceptibles dalgunha mellora a través do achegamento das TIC (cultura, turismo, medio ambiente, medio rural, traballo…).

Dinamización do uso das TIC
A Xunta de Galicia vén reforzando e implementando todas as accións encamiñadas á integración das novas tecnoloxías entre a cidadanía, as empresas, na produción de contidos, e na súa aplicación ao medio ambiente e a sostibilidade e ao medio rural. Con este propósito investíronse durante o 2009 un total de 40,2 millóns de euros.

No ámbito da cidadanía, o obxectivo é facer partícipes en igualdade de condicións das prestacións que ofrece a sociedade de información. Neste sentido, destaca o labor desenvolvido durante o pasado ano polas aulas de acceso á Internet coa celebración de preto de 2.000 obradoiros nos que participaron máis de 13.000 persoas ademais de realizar charlas e xornadas de difusión das novas tecnoloxías. Na mesma liña de actuación está o papel da Rede de Telecentros, que puxo á disposición dos cidadáns e das empresas cursos de formación, relatorios, teleformación, videoconferencias, e edición e creación de material multimedia e audiovisual. Esta rede de 774 eventos e 15.494 horas de uso en 2008 a 1.427 actos e 30.762 horas de uso en 2009.

Para xestionar e coordinar mellor a actividade as actuacións destas distintas aulas públicas de acceso a Internet dependentes da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. A través do Plan de Alfabetización Dixital da Rede, presentado neste mes de abril, impartiranse máis de 2.000 cursos repartidos en 14 categorías temáticas, o que suporá máis de 15.000 horas de formación dos que se beneficiarán arredor de 13.000 persoas.

Dentro da área formativa o Goberno galego é consciente da importancia do papel das entidades sen ánimo de lucro para impulsar actividades de difusión sobre as novas tecnoloxías entre a sociedade. No exercicio 2009 financiáronse 177 actuacións desenvolvidas por asociacións cun investimento de case 2,3 millóns de euro en cinco liñas de axuda diferentes.

No ámbito das empresas, perséguese axudar ás pemes na dotación dos equipamentos tecnolóxicos, mecanismos de conectividade, así como a ter unha presenza activa en Internet e favorecer o uso da factura e do comercio electrónico. Os investimentos en materia en equipamento tecnolóxico e aplicacións informáticas en empresas subvencionáronse desde a Secretaría Xeral de Modernización durante o ano pasado con case 3,5 millóns de euros. Ademais, déuselle continuidade á liña de axudas a autónomos para a adquisición de ordenadores cunha achega de 1 millón de euros fronte aos 60.000 investidos no 2008. Ademais, este departamento autonómico puxo en marcha durante 2009 o proxecto DifundeTic entre os empresarios, autónomos e persoal das pequenas e medianas empresas para sensibilizar a estes colectivos das vantaxes da aplicación das novas tecnoloxías no seu ámbito de traballo.

Unha boa parte dos esforzos para promover as TlC na creación de contidos centrouse na posta en marcha de plataformas para promover o patrimonio cultural galego con iniciativas como patrimonio.org, biblioteca das letras galegas, galiciaaberta.org e ao desenvolvemento de produtos de software libre en galego como AraOs, e OpenOffice 3.1.

Sector empresarial da Sociedade da Información
Acadar un grao desenvolvemento importante da sociedade da información é preciso contar cun corpo empresarial forte, consolidado e con capacidade para asumir novos retos. Para contribuír ao impulso deste tecido empresarial TIC a Xunta adicou máis de 34 millóns de euros tanto á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico como aos profesionais da sociedade da información e ao apoio ao audiovisual galego.

Neste contexto, durante o último ano a Administración galega mostrou o seu apoio a este sector a través de axudas e subvencións, como a achega de 1.500.000 euros da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para apoiar o desenvolvemento, formación e promoción do sector TIC.

A estas iniciativas súmanse as liñas de axuda desenvolvidas co obxectivo de apoiar a I+D+i galega a través do Programa IN.CI.TE, cos programas sectoriais de investigación aplicada e os de fomento da investigación e innovación empresarial. Ademais, os Centros Tecnolóxicos, constituídos cunha misión de liderado dun sector empresarial determinado, son os axentes dinamizadores da transferencia de tecnoloxía por excelencia e principais xeradores de innovación. Respecto dos centros existentes, destacaríase as actuación postas en marcha polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) así como as impulsadas polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT).

Outro dos elementos determinantes neste eixo operativo é o coñecemento dos profesionais que desenvolven a súa actividade laboral no sector empresarial da Sociedade da Información, destacando a importante labor realizada durante o último ano polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, centro de formación especializado no que se desenvolven actividades tanto para os empregados públicos ou privados, como para engadir competencias na materia aos desempregados. Finalmente, no eido audiovisual desenvolvéronse varias actuacións e liñas de axudas tanto para o desenvolvemento deste sector como para a súa promoción, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo, e do Consorcio Audiovisual Galego, da Secretaría Xeral de Medios.