A Xunta de Galicia aprobará o decreto que regulará a implantación e o desenvolvemento da administración electrónica

Mércores 17 de Novembro de 2010

A Xunta de Galicia aprobará o decreto que regulará a implantación e o desenvolvemento da administración electrónica

É unha das medidas prioritarias do Plan de Modernización da Administración que puxo en marcha o Goberno galego o pasado mes de abril

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia aprobará proximamente un Decreto que regulará o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos co obxectivo de mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos ofrecidos.

Mar Pereira indicou que coa aprobación desta norma o Goberno galego comprométese a implantar progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns así como na súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións

A regulación normativa que se recolle neste decreto é un dos obxectivos prioritarios do Plan de Modernización da Administración que puxo en marcha a Xunta de Galicia o pasado mes de abril e que establece as accións a seguir para acadar o despregamento da Administración electrónica.

Interoperabilidade

A responsable de Modernización interveu hoxe no Salón Internacional de Tecnoloxía-Site no que abordou a interoperabilidade entre as administracións como un elemento fundamental para avanzar no desenvolvemento da administración electrónica.

Mar Pereira definiu a interoperabilidade “como a capacidade de interconexión entre os sistemas de información das diferentes administracións para de compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles”. Un factor fundamental, segundo destacou a secretaria xeral, “para que os cidadáns dos cidadáns poidan resolver a as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.”

Así a interoperabilidade evita ao cidadán presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións, reduce o tempo de xestión e o custe dos trámites e axiliza o tempo de xestión dos procedementos.

Un dos elementos fundamentais para acadar estas vantaxes para o cidadán é, segundo a secretaria xeral, “o compromiso e a colaboración entre as distintas Administracións Públicas, o que tamén supón unha das bases para a consolidación da Administración Electrónica”. Por iso, Mar Pereira, incidiu en que as administracións deben corresponsabilizarse e cooperar, facilitando asesoramento e establecendo procedementos de actuación común. Nesta mesma liña indicou que debe •garantirse a reutilización das investimentos en sistemas de información, evitando pagar varias veces polos mesmos medios”.

Unha administración aberta as 24 horas

A implantación da Administración electrónica é unha das prioridades do Goberno galego dentro das liñas de acción para integrar á Comunidade na sociedade da información. A Xunta de Galicia recoñece a eAdministración como unha demanda desde o momento en que todos os cidadáns son potenciais usuarios dela directa ou indirectamente en calquera dos seus ámbitos, local, autonómico ou estatal e esixen uns servizos de calidade sen distinción do nivel administrativo.

Para cumprir estes obxectivos é imprescindible potenciar a interoperabilidade interadministrativa, unha das liñas de acción que se establecen no Plan de Modernización da Administración na que se está a traballar desde a Administración autonómica con obxectivos definidos como incrementar a proximidade co cidadán, a transparencia nos procesos administrativos e unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 día do ano.